A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, demanda “respecto institucional e colaboración” ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. García Bemúdez criticou onte que o delegado avisase con menos de 24 horas de antelación dunha visita a Trabada, coincidindo ademais co horario dunha xunta de goberno na Deputación de Lugo.
“Considero moi desafortunada a resposta de Javier Arias ás miñas declaracións, porque os que intentan adueñarse do traballo que fago eu son eles; son eu a que ten as ideas, a que ordena facer os proxectos e a que tramita as subvencións para o noso concello”, aclara a alcaldesa.
“Non pedimos nada extraordinario, só respecto, porque avisar con menos de 24 horas de antelación non son formas; o noso traballo foi igual desde que chegamos ao goberno e os anteriores delegados da Xunta respectaban as institucións”, afirma.
A alcaldesa insta ao delegado da Xunta “a que cambie a súa actitude e o seu comportamento e respecte ás institucións e ós representantes que somos elexidos polos nosos veciños; parece mentira que un delegado da Xunta confunda o público co privado e estea ao servizo dun partido político, do PP, en vez dos intereses dos lucenses”.
“Fala de buscar novos proxectos en común, pero aínda estamos agardando a que colaboren en numerosos proxectos, de feito recentemente solicitamos esa colaboracion a través das enmendas aos Orzamentos da Xunta, pero o PP votou en contra na Comisión de Economía; agardamos que rectifiquen no Pleno de aprobación do orzamento que se celebra a próxima semana porque é importante que os veciños e veciñas saiban que dende o PP non apoian estes investimentos para o noso concello”, engade.
As emendas presentadas polo concello demandaban melloras urxentes en materia de saneamento a abastecemento; melloras en estradas; a construción dun auditorio, un albergue e un centro social e unha cuberta para a pista de pádel.
“Polo tanto, que colabore no que lles solicitamos, aí están os proxectos, é a enésima vez que queren apropiarse do meu traballo”, remata García Bermúdez.