O PP de Burela acusou ao goberno local de “ter a mentira como norma de conducta habitual” despois de que o persoal do Concello anunciase reivindicacións para obter melloras na súa situación laboral.
Os traballadores municipais emitiron días atrás un comunicado no que convocaron protestas nas inmediacións do consistorio burelés para os días 9, 16, 23 e 30 de xaneiro.
Os empregados esixen que se resolvan o retraso na elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), a falta de partidas para fins sociais do persoal, a non convocatoria de ofertas públicas de emprego (OPE) ou o impago dos servizos extraordinarios.
O PP burelés asegura que o alcalde, o socialista Alfredo Llano, “asinou o contrato para elaborar a RPT en xuño de 2016, hai máis de dous anos e medio, polo que resulta un insulto á intelixencia dicir agora que se vai negociar en febreiro”.
OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO
Os populares critican que “na mesa de negociación do 18 de novembro de 2015 o alcalde anunciou a creación de postos de traballo e a aprobación dunha OPE, pero non foi capaz a facer unha soa OPE nestes catro anos. As prazas que se cubriron, agás a de tesourería, que foi por imperativo legal, foron todas con carácter interino para cubrir xubilacións”, sosteñen.