O candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este mércores aos representantes dos traballadores da planta de Alcoa San Cibrao, en Cervo, a modificación aprobada no Consello de Ministros do Real Decreto que permite “recuperar para o ano 2024” a subministración de enerxía dos cinco parques eólicos da provincia chamados a abastecer á factoría.
Aínda que se agardaba que a modificación normativa para o desbloqueo dos eólicos –que contan con declaración de impacto ambiental favorable pero que non foran tramitados en prazo– aparecese recollida no BOE este mesmo mércores, será finalmente o xoves cando o texto goce de oficialidade tras o seu pertinente aprobación no Consello de Ministros.
Así llo fixo saber o propio Besteiro aos representantes do comité de empresa da planta nun encontro no que tamén participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, xunto a unha representación de rexedores socialistas da comarca da Mariña.
“Hoxe no Consello de Ministros apróbase esa modificación do Real Decreto que permite recuperar para o ano 2024 eses parques que estaban fóra de prazo e o lóxico era traer e trasladar esa información aos traballadores“, explicou o candidato do PSdeG á Xunta de Galicia.
José Ramón Gómez Besteiro manifestou tamén na súa visita ás instalacións da factoría a súa “preocupación” polo peche no último ano de 300 empresas na Mariña, un dato que achacou a “unha mala xestión económica por parte da Xunta de Galicia no ámbito das industrias e as empresas”.
INTERVENCIÓN PÚBLICA DA FACTORÍA
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, valorou positivamente o acordo alcanzado para o desbloqueo dos parques eólicos xa que representan, precisou, “o 25% da enerxía de consumo diaria da planta“.
“A problemática que sufriron os traballadores e a comarca foi un novo xerro de auga fría en pleno nadal e estamos xa un pouco fartos”, recoñeceu Zan, que instou tamén á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a “unha reunión de seguimento para coñecer as potencias reais” dos eólicos desbloqueados e a “estudar” a posibilidade de que a administración poida “facerse con parte ou a totalidade do accionariado” da empresa.
CONSELLEIRO DO MAR
Por outra banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen foi alcalde de Cervo durante 16 anos, agradeceu ao Goberno central a súa “rectificación” ao publicar este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha modificación normativa para que en 2024 poidan funcionar os parques eólicos pendentes para fornecer enerxía á planta de Alcoa San Cibrao.
En declaracións aos medios durante unhas visitas de axenda oficial que lle levaron á provincia de Lugo, o conselleiro remarcou que Alcoa é “unha empresa fundamental” para a comarca da Mariña. Por iso, apelou a “estar todos atentos” para que se “cumpran os compromisos” por parte da compañía e do Estado.