O BNG solicita a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego para que a Xunta compareza sobre as medidas que vai adoptar ante a situación de Alcoa en San Cibrao, municipio de Cervo.
Nun comunicado, a cabeza de lista do Bloque pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, apunta que o Goberno galego “ten que liderar unha resposta ante os incumprimentos de Alcoa, que non está a realizar os investimentos comprometidos nin tampouco reactivando as cubas e si está a lanzar ameazas de peche”.
Rodil lembra que a multinacional estadounidense “acordou cos traballadores que rearrancaría 32 cubas de electrolisis a partir de xaneiro para culminar co aceso das 512 da factoría no outono de 2025 e acaba de comunicar ao comité de empresa que apraza ese compromiso despois de aprazar xa o investimento no forno de ánodos que tampouco fixo”. Por iso, avisa de que Alcoa “non pode ningunear a un goberno”, unha empresa que “leva moitos anos ameazando o futuro industrial da Mariña, de Lugo e de Galicia”.
Remarca que esta planta de aluminio é a única de todo o Estado e dá emprego a máis de 500 persoas, polo que esixe á Xunta que ten que “exercer as súas competencias” e demandar o cumprimento dos acordos. Igualmente, avoga pola intervención pública de Alcoa se non cumpre cos seus compromisos, tal e como trasladou o BNG nunha reunión co comité o pasado luns.