InicioPolíticaBesteiro di que para o Goberno "pode ser unha opción" intervir Alcoa,...

Besteiro di que para o Goberno “pode ser unha opción” intervir Alcoa, e BNG e Podemos piden que se faga

O Comité de empresa pon en valor esta posibilidade se non avanzan as conversas coa industria. Rueda pídelle á empresa que "aclare as súas planificacións".

Publicada o

- Advertisement -

A deputada de Podemos Noemí Santana e o deputado do BNG, Néstor Rego, ambos no Grupo Mixto do Congreso, pediron ao Goberno intervir Alcoa ante a posibilidade de que a empresa peche a planta de San Cibrao, en Lugo. En concreto, Santana remitiu unha carta á presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), María Belén Gualda, para estudar a posible intervención publica de Alcoa. Na misiva, a deputada lembra que o pasado 18 de xaneiro o conselleiro delegado de Alcoa, Bill Oplinguer, anunciou que a compañía barallaba o peche da planta.

Algo, di Noemí Santana, que “contravén o acordo pechado coa representación dos traballadores” de reiniciar as cubas de electrólise, proceso que debía empezarse en xaneiro deste ano e avanzar progresivamente ata 2025. E é que, o prazo foi ampliado ata outubro dese ano por unha modificación do acordo orixinal alcanzado en 2021, que incluía o mantemento do persoal e a renuncia á realización de despedimentos colectivos ata o 31 de decembro de 2026. Neste marco, Podemos apela á responsabilidade dos poderes públicos e considera que a SEPI “debe mostrar o seu compromiso cos traballadores e explorar as vías para salvagardar os seus empregos”.

REGO REÚNESE CO COMITÉ DA EMPRESA

Pero non é o único partido pertencente ao Grupo Mixto do Congreso que se pronunciou sobre a situación da empresa. O deputado do BNG, Néstor Rego, confirmou que este luns se reuniu co Comité da Empresa para explorar posibles solucións, xa que o peche da planta de aluminio podería devir nunha “dependencia absoluta” do aluminio doutros países.

“Nós imos defender, como fixemos no pasado, unha intervención pública de Alcoa. Imos defender que o Estado garanta a continuidade desta actividade”, apostilou. Deste xeito, Rego adiantou que trasladará esta posición a próxima semana ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.

BESTEIRO ASEGURA QUE A INTERVENCIÓN “PODE SER UNHA OPCIÓN”

O candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a intervención pública da planta de Alcoa en San Cibrao “pode ser unha opción” para garantir a súa viabilidade pero avogou por priorizar o cumprimento do acordo por parte da empresa. Nun acto en Santiago de Compostela e preguntado pola petición do comité de empresa de que o Goberno interveña a planta, Besteiro asegurou que o PSOE é partidario de “responder” con medidas ao que poida ocorrer, pero lembrou que “o primeiro” é que “hai un acordo que cumprir por parte da empresa”, no que se inclúe un “paquete de axudas” propostas desde o Executivo estatal.

Tras incidir tamén na necesidade de que a Xunta de Galicia se implique “para garantir que Alcoa respecte o acordo e o contrato dos traballadores e manteña a actividade, recoñeceu que “a intervención pública con diferentes mecanismos” pode ser “unha opción” pero insistiu en que se debe priorizar o cumprimento o acordo.

O que se asinou no seu día, que se cumpra e que, por tanto, siga o funcionamento ordinario normal da central de Alcoa”, sinalou para subliñar que, en todo caso, “ante calquera continxencia”, os socialistas estarán apoiado aos traballadores “con medidas desde as administracións. En concreto, a multinacional estadounidense acordou cos traballadores que arrincaría as cubas de electrolisis a partir de xaneiro, pero acaba de comunicar que aplaza ese compromiso.

XUNTANZA O VENRES DA MESA DE SEGUIMENTO

Por outra banda, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, trasladou este martes ao comité de empresa da planta de Alcoa de San Cibrao o “compromiso firme” do Goberno coa compañía, polo que convocou para o vindeiro venres, día 26 de xaneiro, unha nova reunión da mesa de seguimento.

O obxectivo, segundo dixo, é tratar cuestións como a situación financeira da factoría e o estado de execución dos acordos asinados entre as partes. Nun comunicado, o Executivo central explicou que mantivo diferentes conversacións coa empresa, tal e como se acordou proceder na última comisión de seguimento realizada no mes de decembro, para que a firma trasladase a concreción das súas necesidades para trazar unha folla de ruta ante a situación actual que atravesa a planta.

COMITÉ DE EMPRESA PREOCUPADO

Noutro comunicado, o comité de empresa volveu a criticar a situación de Alcoa, apuntando cara a unha posible “descapitalización” da sociedade xa que, “hai máis de dous meses que se debería pasar a fase de execución” o proxecto do forno de cocción. Con todo, atrasouse este investimento e demoleuse o forno antigo. O presidente do comité, José Antonio Zan, puxo en valor a posición do Goberno que, tras ser preguntado por unha posible intervención da empresa, indicou que “estuda todas as opcións posibles” porque “non pode prescindir desta industria”, segundo recolle o comité.

RUEDA PIDE SABER “EXACTAMENTE” CALES SON AS PLANIFICACIÓNS DE ALCOA

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pediu este martes que Alcoa “aclare exactamente cales son as súas planificacións” e que traslade “que pensa facer para cumprir uns compromisos que están perfectamente asinados”. “A empresa ten que ser clara, ten que dicir que ten planificado e ter claro os compromisos que ten que cumprir”, dixo Alfonso Rueda. Informa de que este mércores, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, desprazarase ata A Mariña para reunirse cos concellos afectados e co comité de empresa para analizar a situación.

“Eu tiven unha reunión cos máximos responsables da empresa hai uns meses e transmitiron a súa preocupación pola situación e a evolución do mercado do aluminio, pero en ningún caso dixeron nada sobre as medidas que agora apuntan“, relatou Rueda. Sostén que piden un atraso no aceso das cubas “sen a aclarar moi ben cales son as razóns”, “en que condicións produciríanse” nin “baixo que requisitos”, á vez que tampouco cando cumprirían os compromisos asinados.

Neste sentido indicou que espera “a implicación do Goberno central”. “Imos ter que ir todos unidos”, avisa, co fin de “evitar tentacións neste momento electoral” porque “non se pode desviar a atención sobre o fundamental: que é pedir á empresa que cumpre os seus compromisos e non tentar sacar rédito político”. “Creo que iso sería un tremendo erro e que non axudaría a ninguén”, sostivo.

A XUNTA PIDE “UNIDADE E COORDINACIÓN” NAS REIVINDICACIÓNS

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pediu este martes á dirección de Alcoa que aclare os seus plans para a súa factoría de San Cibrao, no municipio de Cerve, e solicitou “unidade e coordinación” ás administracións e aos traballadores para reivindicar á empresa que cumpra os seus compromisos.

Así, Lorenzana pediu á compañía que clarifique o seu plan de actuación e concrete o plan de negocio para a factoría. Ademais, pediu que sexa trasladado ao Goberno central e á Xunta cales son as solicitudes e os apoios que necesita para reactivar e dar continuidade á actividade e aos pactos cos empregados.

A conselleira advertiu á firma que ten que cumprir o acordo xa que “a Xunta vai estar vixiante e apoiará todo o proceso para garantir que os compromisos se cumpran”, subliñou. Ela anunciou que se reunirá persoalmente co comité de empresa este mércores, despois de que os representantes do persoal manteñan un encontro coa dirección de Alcoa pola mañá.

Lorenzana destacou a importancia de que se leve a cabo unha reunión da mesa de seguimento de Alcoa, que será o vindeiro venres. Tamén insistiu na aprobación, dentro do estatuto electrointensivo, de medidas que permitan ás empresas acceder a prezos enerxéticos competitivos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...