O PP presentou a Pepe Peinó como candidato á alcaldía de Alfoz para as vindeiras eleccións municipais. O alcaldable dos populares foi elixido por unanimidade pola agrupación local, da que Juanjo Fraga será o novo presidente, cargo no que releva a Emilio Lousas.
Mestre de educación secundaria desde 1990 no municipio, presidente do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) e autor de varias pezas teatrais, Peinó foi concelleiro de cultura no anterior goberno popular, liderado por Lousas.
“É unha persoa ideal; implicada coa veciñanza e de carácter conciliador“, resaltan desde o partido conservador.
“Foron xa varias as xeracións que pasaron polas súas aulas e tamén é un gran coñecedor do colectivo de maior idade do municipio, xa que sempre foi unha persoa moi activa na organización de actos lúdico culturais”, espuxo Fraga.
O novo presidente do PP de Alfoz asegurou que “Peinó é o candidato ideal para dar un xiro de 180 graos ao rumbo do noso Concello, que leva catro anos sumido no desentendemento dos gobernantes e na procura dos intereses particulares mentres abandona as necesidades dos alfocenses”.
PLAN URBANÍSTICO
O candidato marcouse como prioridade “ofrecer un mandato sen enfrontamentos” e fixou como obxectivo “un Plan Urbanístico que nos permita ordenar o territorio e promocionar a construción de vivendas en Alfoz, que necesita fixar poboación“.
“O IMPULSO VEU DO PP”
A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, destacou pola súa banda “o impulso que deu o PP a Alfoz”, do que considera que é un exemplo “a reestruturación parcelaria do Val, que culminou a ordenación de preto do 95% da superficie agraria do municipio”.