A concelleira de Ciudadanos en Ribadeo, Marta Saiz, anunciou que abandoa esta formación, pero seguirá mantendo a súa acta como edil no grupo dos non adscritos ata finais do actual mandato municipal.
A edil ribadense confirmou que “este luns iniciei os trámites para causar baixa voluntaria nesta formación, na que estiven traballando nos últimos catro anos”. Saiz foi candidata á alcaldía de Ribadeo de 2015 polo partido que encabeza Albert Rivera.
DECISIÓN “DE HAI MESES”
“Segundo parece, Ciudadanos está tentando formar unha candidatura de cara as vindeiras eleccións municipais. Como eu non quero ser un obstáculo, prefiro dar un paso ao lado, xa que decidín hai varios meses non continuar formando parte deste proxecto político”, argumenta.
Saiz concluíu que, “como sempre fixen, vou seguir traballando por Ribadeo e polos seus veciños e veciñas, pero agora como concelleira non adscrita”.