Tapia de Casariego afrontará o último ano de lexislatura cunha persoa nova á fronte da alcaldía. O vindeiro Pleno Municipal decidirá quen toma a remuda do actual rexedor, Enrique Fernández, que vén de poñer data a unha renuncia agardada na corporación municipal desde o pasado mes de decembro.
O veterano político popular transladará ao próximo Pleno, “en dez ou doce días”, a súa renuncia á alcaldía e mais a acta de concelleiro que deixará a Dulce María Martínez, agora concelleira de Educación, Cultura, Deportes e Turismo, como cabeza de lista da formación, que accedeu ao goberno co apoio de Foro Asturias tras perder en 2015 a maioría absoluta.
trala renuncia oficial, deberase convocar pleno de investidura en dez días
A voceira do PSOE en Tapia, Ana Vigón, confirmou que “o partido presentará a súa candidatura á alcaldía”, polo que a aritmética volve dar a chave desta transición no goberno a Guzmán Fernández, o único edil de Foro Asturias na corporación. A líder da oposición sinalou ao respecto que “todos os escenarios están abertos” e que calquera pacto de goberno sería sometido “á decisión da militancia”. Con todo, un cambio de goberno parece improbable.
Unha vez que Enrique Fernández comunique a súa renuncia de forma oficial, abrirase un prazo de dez días para convocar un novo Pleno de investidura, no que se despexarán todas as incógnitas.
Sen poñer nome a persoa que o sucedera, o aínda alcalde deixa o cargo tras “35 anos formando parte de diferentes corporacións e gobernos locais” para “dar paso a xente nova e que o equipo se vaia axustando para lograr a maioría absoluta nas próximas eleccións”. O rexedor deixa a un lado as responsabilidades institucionais pero non o PP, do que tomou as rendas a partir do ano 2011 tras o cisma provocado na formación conservadora pola irrupción no panorama político de Foro Asturias.
BALANCE
Na despedida, Enrique Fernández fai un balance positivo da súa traxectoria, e alude ao “clima de bo entendemento” no seo do goberno municipal nesta última lexislatura. O rexedor destaca ademais a inclusión nos Presupuestos Generales del Estado aprobados onte no Congreso de partidas orzamentarias para as rotondas e os viais de entrada a Tapia e o Plan de Saneamento, que debe culminar coa posta en funcionamento dunha nova depuradora en Mántaras.