“Satisfacción“. Foi a palabra empregada por tres dos catro voceiros da corporación de Viveiro ao referise á aprobación por unanimidade da ordenanza que regulará o tráfico rodado no casco histórico, que debe pasar agora o trámite de exposición pública.
O regulamento obtivo o respaldo de todos os grupos políticos, que participaron na súa elaboración despois de que, en agosto, o goberno local decidise retirar a súa proposta inicial para completala coas achegas da oposición, dos técnicos municipais e das forzas de seguridade.
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, resaltou o “consenso das forzas políticas na maioría das cuestións” contempladas na normativa, que restrinxe a circulación dos vehículos e dá prioridade aos peóns.
Na súa última sesión plenaria como voceiro do Partido Popular, Antonio Bouza resaltou que a nova ordenanza “non se parece en nada á presentada en agosto” e felicitouse polo resultado do “traballo de todos”.
Os grupos políticos felicitáronse porque a ordenanza “é necesaria” e foi “un traballo de todos”
Na mesma liña, Bernardo Fraga, do grupo de non adscritos, mostrou a súa satisfacción pola aprobación dun regulamento que, destacou, “acaba coa barra libre no tocante ao acceso de vehículos, protexe o casco e quedan detallados dereitos e obrigas de veciños e comerciantes”.
Luis Manuel García Otero, de Son Viveiro, expuxo, pola súa parte, que a “ordenanza é mellorable”, referíndose “á necesidade de conciliar o dereito ao sono dos veciños co repartos de comida a altas horas da noite”. Tamén asegurou que agarda que a normativa “entre en vigor en abril“.
ATENCIÓN PRIMARIA
Os grupos municipais tamén aprobaron por unanimidade unha moción para instar á Xunta de Galicia a “garantir a correcta atención primaria no concello”.
O PP votou a favor da iniciativa, proposta polas outras tres formacións con representación política na corporación.
Bouza sinalou que as cuestións que se demandan son “razoables e necesarias”. “Temos un bo sistema sanitario, pero queremos o mellor”, matizou.
A moción solicita ao goberno galego a contratación de substitutos, o reforzo do cadro de persoal e o arranxo dos problemas estruturais do edificio do centro de saúde.
A alcaldía subliñou o consenso neste aspecto e agradeceu o traballo doutros grupos, como o BNG, que presentou unha moción co mesmo obxectivo.
XULGADOS
O goberno local presentou este mesmo mércores unha moción de urxencia trala denuncia de dous traballadores do colapso dos xulgados de Viveiro, con ata 3.075 asuntos civís pendentes.
Un dos acordos propostos polo grupo socialista foi instar á Xunta de Galicia aimplantar unha segunda fase do plan de recuperación nos dous Xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Viveiro, para lograr a recuperación do 80% do traballo atrasado por mor da folga.
o goberno presentou unha moción de urxencia para a recuperación do traballo pendente nos xulgados
O segundo punto contemplaba instar ao Executivo autonómico a aprobar unha
ampliación de xornada para o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro
por un período mínimo de seis meses. As propostas colleitaron a unanimidade das forzas políticas da corporación.
PESCA ARTESANAL
Tamén por unanimidade se aprobou unha declaración institucional proposta polo goberno local, presentada a instancias da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, para protexer a pesca artesanal.
RENUNCIAS
Tal e como anunciaran, os edís do PP Antonio Bouza e Cristina Goás formalizaron no pleno a súa renuncia á acta.
Os dous concelleiros alegaron “motivos personais” para a renuncia, aínda que son públicas as súas discrepancias cos dirixentes do partido conservador a nivel provincial, logo de que iniciaran a procura dun candidato para as vindeiras eleccións “de costas” ao comité local.
Bouza sinalou que “tomo unha decisión que me resultou pouco agradable, pero na política non vale todo. Síntome honrado de poder traballar para a veciñanza. Valoro que tivesemos unha relación cordial entre as forzas políticas, cando non sempre foi así, e creo que o primeiro é ser veciños“.
bouza reiterou no pleno que “na política non vale todo” e mostrouse “honrado de ter traballado para a veciñanza”
Visiblemente emocionado, o edil despediuse cun “viva Viveiro” que recibiu os aplausos da corporación e do numeroso público que asistiu ao pleno.
Goás, pola súa banda, sinalou que “tomo esta decisión de forma libre e non me arrepinto. Entrei empezada a lexislatura e agradezo a Antonio Bouza a oportunidade que me deu. Foi unha experiencia moi enriquecedora”, concluíu.
Todos os grupos políticos coincidiron en agradecer o traballo de Bouza e Goás como concelleiros dos populares.
TOMA DE POSESIÓN
Antonio Lage-Seara tomou posesión do cargo como concelleiro dos populares no lugar de María Jesús Vale, que demitiu no pasado mes de novembro descontenta coa xestión da riada por parte da Xunta de Galicia e coa actitude da dirección provincial.