O pleno de Burela deste xoves abordará unha modificación dos recoñecementos de dedicación parcial. Noelia María Ben asumirá as carteiras que deixou Patricia Otero, logo de tomar posesión como deputada no Parlamento de Galicia e renunciar aos seus cargos.
Ben, edil de medio ambiente, asumirá tamén as áreas de muller, igualdade e servizos sociais durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, e percibirá a dedicación parcial -dotada con 14.000 euros anuais– asignada a Otero.
“É merecedora desta compensación dado todo o traballo que implica”, expón o alcalde, o socialista Alfredo Llano.
ORZAMENTOS
O Concello levará de novo este xoves ao pleno os orzamentos municipais de 2019, aprobados en solitario no pasado mes de decembro e aos que o Partido Popular burelés alegou ao entender “que incumpren o Plan Estratéxico de Subvencións (PES)”.
O equipo de goberno rexeitou a alegación presentada polo PP. O alcalde, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “a única intención” dos conservadores “foi retrasar a aplicación dos presupostos deste ano, poñendo pegas ao PES do Concello”.
O rexedor sinala que “nós tiñamos ese plan cuantificado para o período 2017-2019 unha cantidade determinada. Facemos unha previsión de gasto, pero non implica necesariamente que teñamos que facelo así. Non crea nin dereitos nin obrigas. Eles saben que non tiñan razóns para solicitar a modificación, pero aínda así fixérono”, lamenta Llano.
COMUNICACIÓNS PREVIAS DE OBRAS
Llano explica que tamén se levará á sesión plenaria “a aprobación inicial da derogación da ordenanza reguladora sobre comunicacións previas de obras e actividades.
“No anterior pleno aprobamos a nova ordenanza e agora o que toca é derogar a antiga, para que xa sexa de aplicación a aprobada recentemente e á que non se presentaron alegacións”, conclúe.
PEDIATRÍA
PSOE e BNG presentaron unha moción conxunto para esixir que se garanta a atención pediátrica na comarca.