InicioPolíticaO PSOE propón dotar a Foz dun terceiro acceso cunha avenida que...

O PSOE propón dotar a Foz dun terceiro acceso cunha avenida que conecte a N-642 co centro

O proxecto, que incluiría rotondas en Veiga da Sara e Pico do Castro e unha vía de 600 metros ata a Rúa do Cemiterio, é unha das iniciativas do programa dos socialistas

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG de Foz propón a apertura dunha avenida que conecte a estrada N-642 co barrio de Marzán. É unha das iniciativas do programa electoral dos socialistas focegos, que comezaron a desgranar este mércores as súas propostas. A infraestrutura serviría de enlace tamén, a través da Rúa do Cemiterio, co centro da capital municipal.

Os socialistas focegos expoñen que “as principais avenidas de Foz son unha Álvaro Cunqueiro mal deseñada e a Rúa do Pilar, o que resulta inconcibible”.

Así, grupo municipal do PSOE considera que Foz “necesita un novo acceso desde a variante”, para “evitar problemas de tráfico e facer o núcleo máis atractivo para o comercio local”.

ROTONDA SOBRE A N-642

O proxecto inclúe unha nova rotonda sobre a N-642 na Veiga da Sara, que enlazará co Bispo Santo e o barrio de Marzán a través da estrada LU-P-2009, o que beneficiaría, aseguran os socialistas, “aos veciños de Vilaronte e San Martiño”.

O PSOE focego afirma que a glorieta “permitirá que a ponte actual sobre a variante sexa de uso peonil e para bicicletas, constituíndo o inicio dunha senda entre o núcleo urbán e a área recreativa do Bispo Santo, que será posta en valor”.

OS SOCIALISTAS ARGUMENTAN QUE O PROXECTO DOTARÍA “DUN ACCESO CÓMODO E ESTÉTICO” A VECIÑOS E VISITANTES

Segundo indica o candidato dos socialistas á alcaldía, Fran Cajoto, “a disposición desta nova rotonda é unha obra de execución sinxela, dado que o túnel existente sobre o ferrocarril evita facer grandes e custosas obras de enxeñería”.

A glorieta suporía o punto de partida dunha avenida de 600 metros de lonxitude, que uniría, pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio, que precisa dun arranxo completo e beirarrúas en toda a súa lonxitude.

RENOVACIÓN DA RÚA DO CEMITERIO

O proxecto finalizaría cunha nova rotonda, desta volta en Pico do Castro, que daría acceso a Marzán e Álvaro Cunqueiro a través da Rúa do Cemiterio.

Para esta última vía, o proxecto prevé “a disposición de xardíns e dun aparcadoiro urbanizado que dará servizo ao cemiterio e ao mirador natural que constitúe o castro de Marzán”.

o plan aspira a facer da zona do castro e do cemiterio un miradoiro, coa disposición de xardíns e un aparcadoiro

Para Cajoto, a nova avenida sería “funcional e útil” e “unha gran oportunidade para que o núcleo urbán evolucione, de forma ordenada e planificada”. O candidato socialista resalta que a vía suporía “un acceso cómodo e estético para veciños e visitantes“. 

FINANCIAMENTO

No tocante ao custo da infraestrutura, o candidato socialista non concreta polo de agora unha primeira estimación.

Cajoto explica que pediría apoio económico ao Ministerio de Fomento e á Deputación de Lugo, dado que “a nova vía enlazará coa estrada N-642 -de titularidade estatal- e a LU-P-2009, que pertence ao goberno provincial”.

o Psoe non concreta un orzamento e expón que pediría fondos a deputación e ministerio de fomento

Un dos atractivos do proxecto, destaca o candidato do grupo municipal socialista, é que a disposición desta rúa permitiría a medio ou longo prazo favorecer outras propostas, “como un punto de acceso ao instituto.

Cajoto admite que “as prioridades dun Concello non permiten facer grandes investimentos”, polo que considera que “é moi importante poder configurar as obras por fases”.

OUTRAS PROPOSTAS

Cajoto afirmou tamén que “a primeira actuación” dos socialistas, de chegar á alcaldía, será “unha campaña intensa de pequenos arranxos e limpeza xeral das rúas do núcleo urbano e do rural, para recuperar do seu abandono e falta de mantemento os servizos e vías públicas”.

O PSOE focego tamén considera urxente “devolver á Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro os sentidos de circulación previos ás obras”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...