O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, participou este xoves no acto que protagonizou o presidente do Partido Popular cos militantes de Lugo, malia que aínda non regresou á disciplina da formación política que tivo que abandonar ante a apertura do xuízo oral contra el por un supuesto caso de prevaricación urbanística, delito do que foi absolto.
Fuente Parga confirmou que “estes días” comunicará a súa decisión sobre a posibilidade de volver presentarse para ocupar durante outros catro anos a alcaldía de Barreiros, así como se o fará baixo as siglas do PP.
Todo parece indicar que si, logo de que, coa súa presenza en Lugo, o rexedor axudase a despexar en certa medida esa incógnita. “Sempre fun simpatizante e militante do PP“, lembra. A presidenta provincial dos conservadores, Elena Candia, asegurou días atrás que ten “as portas abertas” da formación.
“Falarei cos compañeiros, que son concelleiros, que son militantes en Barreiros, e se o cren convinte, tomaremos a decisión estes días, non cabe dúbida”, confirmou.
RECURSO
No tocante á intención da asociación ecoloxista Adega de presentar recurso ante a Audiencia Provincial á sentenza absolutoria, afirmou que a organización “está ao servizo do BNG” e só mira a Barreiros.
“O BNG nunca gañou unhas eleccións en Barreiros e quere gañalas onde lle acaban de dicir que non se poden gañar”, concluíu.