O PP e mailo BNG de Burela pedirán o aprazamento, ata despois das eleccións municipais de maio, da aprobación do novo contrato de xestión de residuos, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo, que o goberno municipal levará a pleno o vindeiro mércores.
Os populares anunciaron que presentarán unha emenda de substitución para que o executivo municipal paralice o expediente de contratación dos servizos.
“HIPOTECA” PARA O CONCELLO
Os conservadores consideran que o contrato, de catro anos cun de prórroga e un custo anual superior aos 800.000 euros, suporá “hipotecar as dúas próximas corporacións municipais”.
O grupo municipal do PP cifra o aumento do gasto neste eido en “184.000 euros por ano” e argumenta que “a adxudicación do mesmo é practicamente imposible antes dos vindeiros comicios, debido aos diferentes trámites que hai que levar a cabo”.
OS POPULARES CALCULAN QUE O GASTO NESTE EIDO AUMENTARÁ “184.000 EUROS AO ANO”
O Partido Popular burelao expuxo ao longo dos últimos meses que o incremento do gasto “non se traducirá dunha mellora no servizo”. Así, os conservadores critican “a obsesión” do executivo municipal por sacar adiante este contrato, o que consideran “de dubidosa equidade, ética e transparencia”.
“MANCOMUNAR” O SERVIZO
Pola súa banda, os nacionalistas instan ao goberno local a aprazar a aprobación do contrato ata despois do 26 de maio para abordar unha posible recuperación da xestión do servizo.
Malia que recoñece que a municipalización da recollida de lixo topa con “informes de custos e viabilidade dos que non dubidamos”, o BNG burelao afirma que existen outras vías para acadar este propósito que, lembra, “tanto o noso partido como o PSOE levabamos no programa electoral”.
OS NACIONALISTAS PIDEN RETOMAR NA VINDEIRA LEXISLATURA “A RECUPERACIÓN DA XESTIÓN” DOS RESIDUOS
Así, o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, lamenta que “en catro anos nin se plantexou a posibilidade de mancomunar a recollida de lixo, ou de valorar que sexa a Mancomunidade de Municipios da Mariña quen preste o servizo para os 16 concellos da bisbarra”.
Deste xeito, Pillado solicita “que o equipo de goberno futuro” teña marxe para “traballar con honestidade e seriedade, e valorar todas as opcións”.