Clemente Iglesias repetirá como líder da candidatura do Partido Popular (PP) ao Concello de Riotorto co obxectivo de revalidar a maioría absoluta acadada nos comicios do 2015.
É a terceira ocasión na que o actual rexedor popular encabeza a lista no seu municipio natal. No 2011 viuse relegado á oposición a falta de tres votos para a maioría absoluta.
Iglesias, que traballou como funcionario municipal ata 2015, explica que “o polígono industrial, trala aprobación do inicio dos trámites por parte do consello de administración de Suplusa para formalizar un convenio co Concello, atópase en fase de presentación do proxecto de urbanización”.
Así, o candidato popular asegura que, de gañar os comicios, seguirá centrando o seu esforzo en dotar de solo industrial ás empresas interesadas en asentarse en Riotorto. Ante un último paso, o de ser aprobado polo Pleno, sairían á venda once parcelas que se entregarían aos interesados con todos os servizos de saneamento e abastecemento.
“MELLORES SERVIZOS”
A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, asegura que o municipio “veu mellorados nos últimos anos os seus servizos e atendidas as demandas da súa veciñanza, demostrando que a mellor opción para Riotorto é sen dúbida o Partido Popular”.