A agrupación de En Marea en Ribadeo propón habilitar un local de ensaio para músicos e crear unha sala de exposicións.
O partido instrumental, que aspira a entrar na corporación municipal nas vindeiras eleccións, debullou as súas propostas en materia cultural.
En Marea propón adaptar un local municipal como espazo de ensaio para a “canteira” de músicos coa que conta o concello. Neste senso, avoga tamén por “facilitar” a apertura de locais para actuacións en directo.
O voceiro local, Tino Lombardero, expuxo tamén a posibilidade de habilitar como sala de exposicións a oficina de turismo, ubicada na Praza de España, que propón devolver ao seu anterior emprazamento no Campo de Santa María.
O grupo sostén que a dotación “abriría a porta a circuítos de alto nivel” que, manteñen, “agora carecen dun espazo axeitado na vila”.
Outra das iniciativas expostas é a creación dunha nova sala de consulta e estudo no centro da vila, que complemente a da biblioteca municipal.
O grupo municipal argumenta que as actuacións contribuirían a “reorientar” a oferta cultural “cara a veciñanza, especialmente á infancia e á mocidade” e “promover a creación fronte ao consumo”.
Ademais de actuacións relativas ás dotacións culturais, o grupo municipal propón crear un Consello de Cultura e Deportes aberto a asociacións e clubs para que participen da toma de decisións.
FESTAS POPULARES
En relación co papel do concello respecto das festas populares, defenden que a institución “deixe de participar nos actos relixiosos de calquera confesión”, limitando a presenza de representantes públicos a unha participación a título persoal.
Ademais, propoñen fomentar a recuperación de “músicas locais” e establecer “filtros” que garantan espectacúlos que respecten a diversidade.