Veciños Independentes de Alfoz (VIA) celebrará a súa primeira asemblea xeral o vindeiro domingo 17 de marzo, ás 11.30 no centro sociocultural. Na xuntanza elixirase a primeira dirección executiva do partido, órgano xestor que será o encargado de elaborar o programa, así como de elixir a candidatura para as próximas eleccións municipais.
O novo órgano directivo do partido estará formado polo presidente, o vicepresidente, o tesoureiro, o secretario e os vogais.
Neste sentido preténdense crear seis vogalías, correspondentes a acción social, innovación, territorio, coñecemento, participación e economía, así como unha vicesecretaría de organización e portavocía.
CAPTACIÓN DE AFILIADOS
Os membros da dirección serán elixidos entre os diferentes militantes que se integraron no partido na campaña de captación de afiliados que se está a levar a cabo.
Ademais, na orde do día da asemblea tamén se contempla a ratificación dos acordos da actual dirección executiva provisional, a dación de contas da xestión dos membros electos e a información e seguimento do plan de traballo de cara ás próximas eleccións municipais.
PACTO DE GOBERNO
VIA quitou dous edís nas súas primeiras eleccións, tras só catro meses da súa fundación. Os dous concelleiros obtidos nos comicios permitíronlle entrar no goberno. Os independentes apoiaron ao socialista Jorge Val, que rematou con décadas de goberno do PP.