Diego Fernández será o candidato do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á alcaldía de Cervo nas eleccións municipais de maio. Así o anunciou este xoves o partido frontista.
Fernández (Lieiro, 1987) é traballador no peirao da factoría Alcoa en San Cibrao e presidente do comité de empresa de CYRGASA.
Coa proposta do novo alcaldable, sinala a formación nacionalista, continúa “o camiño de renovación das caras visibles no BNG. Apostamos pola mocidade combinada coa experiencia”, explican desde o partido frontista.
O BNG cervense avanza que presentará a candidatura ao completo “nas próximas datas”.
“TRANSPARENCIA”
Segundo expón a formación nacionalista, “participación, recuperación demográfica, habitabilidade, política social, e dinamización cultural e deportiva son as cinco ideas chave” da súa proposta para gobernar o concello de Cervo.
A vocación de “transparencia” é unha das premisas que resalta o BNG da súa candidatura. “Daraselle á xente capacidade de decisión no día a día para facer un Cervo máis democrático, máis honesto no seu goberno e máis vivo”, explica.
ATRIBÚE AO PP A “CAÍDA POBOACIONAL”
Fernández asegura que “os 20 anos de goberno do Partido Popular en Cervo non serviron para frear a constante caída poboacional, a degradación da actividade económica e comercial, a ausencia de servizos básicos como o saneamento integral, especialmente no rural”, afirmou.
O candidato do BNG tamén sinalou a necesidade de aprobar un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que “impulse de xeito decisivo, ordenado, e homoxéneo o medio rural e urbano do municipio”.
A 55 VOTOS DO SEGUNDO EDIL NO 2015
A candidatura do BNG cervense ás eleccións municipais do 2015, encabezada por Ramón Luis Bernardo, acadou un edil e quedou a 55 votos do segundo concelleiro.