O coñecido empresario de Viveiro, Óscar Rodríguez Blanco, será o candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía deste municipio, logo de que a súa proposta acadase o apoio da afiliación viveirense.
Xoieiro artesán de profesión, Rodríguez foi o presidente fundador do Centro Comercial do Casco Histórico de Viveiro (CCHV) e na actualidade exerce como máximo responsable do Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia.
Desde o PP lucense valoran “a súa capacidade de xestión, como o demostra a súa traxectoria empresarial e profesional”, expón a presidenta do partido conservador a nivel provincial, Elena Candia.
Candia agradece ao alcaldable que “dese este paso adiante”, destacando que “ten un proxecto claro para Viveiro e respaldado”.
Esa “experiencia” como xestor é, segundo destaca o presidente da xestora do PP que consensou o candidato, Jaime de Olano, “a que o fai merecedor de encabezar a nosa listaxe. Estamos convencidos de que Rodríguez fará un papel extraordinario”, asegurou.
VIVEIRO, UNHA PRAZA “DAS MÁIS IMPORTANTES”
O PP sinala que Viveiro, con diferenza o municipio máis poboado da bisbarra, “necesita un proxecto que ofreza rigor nas súas decisións administrativas, que xere orgullo e pise forte no contexto provincial, autonómico e nacional. Óscar pode facelo”, expuxo de Olano.
Deste xeito, o empresario é a aposta da formación local para recuperar esta alcaldía, que é “unha das máis importantes da Mariña Lucense”, segundo admiten os conservadores.
CRISE A NIVEL LOCAL
A presencia dun candidato coma Rodríguez vén a apagar, alomenos parcialmente, o lume que se produciu na formación a nivel local no pasado mes de xaneiro trala demisión do presidente do PP viveirense e candidato de 2015, Antonio Bouza, que acusou ao partido conservador de buscar un alcaldable ás espaldas da agrupación.
Acompañouno na súa renuncia a edil Cristina Goás e meses antes demitira outra concelleira, Chus Vale, descontenta co papel da Xunta na xestión da riada que asulagou Viveiro.
CANDIDATURA
O PP viveirense non adiantou polo momento a súa candidatura, aínda que avanzou que Rodríguez estará acompañado “dun equipo cuxo principal obxectivo será apostar polo desenvolvemento económico e social deste municipio. Por iso, estará centrado na procura de novas oportunidades e mellorar os servizos dos veciños, co fin de que estes poidan desenvolver o seus proxectos de vida nesta cidade”.
De Olano afirmou que Rodríguez “achega un proxecto político fiable, cun equipo compacto no que dará cabida á participación da veciñanza para recoller as súas inquedanzas e apoiar calquera iniciativa de progreso. Outro Viveiro é posible”, conclúe.