O Concello de Ribadeo dotará de vestiarios á Casa das Algas. O goberno local ribadense vén de quitar a licitación as obras de acondicionamento, que custarán arredor de 60.000 euros -procedentes de fondos propios- e estarán listas, previsiblemente, en outono. As actuacións beneficiarán aos deportistas de remo no municipio.
O concelleiro de deportes ribadense, o nacionalista David Rivas, sinalou que “os nenos e nenas que practican o remo non contan con vestiarios e duchas de auga quente”. O edil asegurou que “este deporte, desde o seu rexurdimento no 2013, está a dar moitas alegrías, con títulos e podios en campionatos de España, como en campionatos galegos e internacionais”.
TITULARIDADE ESTATAL
Así, o proxecto do goberno local aspira, explicou, a “favorecer esta actividade”. Rivas sinalou que a tramitación, que dependía do Ministerio de Medio Ambiente, titular das instalacións, “foi o traballo de varios meses”.
En diante, as empresas interesadas terán un prazo de 26 días para presentar as súas propostas, para despois ser executadas nun prazo de seis meses.
NOVOS TORNEOS DE BASE DA SD RIBADEO
Os campos de fútbol Pepe Barrera e Gregorio Sanz acollerán a vindeira fin de semana o torneo de prebenxamíns e benxamíns da SD Ribadeo. Uns 50 equipos de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Extremadura e Portugal participarán na competición.
O torneo prebenxamín será o sábado, desde as 10.00 horas. A final está prevista para as 21.00. O trofeo benxamín disputarase o domingo. A competición arrincará ás 10.30 e o partido polo título empezará ás 17.45.