O ex edil de obras de Lourenzá será o candidato de Compromiso por Galicia

Carlos Rivas, que desatou unha forte controversia coa alcadesa pola súa renuncia no mes de xullo, encabezará a listaxe electoral da formación

Rivas, no centro, ao lado de López, na candidatura socialista de 2015. AXM

O que fora responsable na área de obras do Concello de Lourenzá, Carlos Rivas Rivas, será o candidato á alcaldía por Compromiso por Galicia (CxG).

Rivas, que percibía unha dedicación parcial, presentara a súa dimisión en xullo do ano pasado ao considerar que o PSOE, con quen xa fora concelleiro na oposición, “non facía posible a realización do programa de goberno prometido”.

Segundo a formación política, Rivas “encabezará agora o proxecto de CxG dende unha óptica galeguista para realizar aqueles proxectos que se lle negaran á veciñanza”.

POLÉMICA

Non estou de acordo en moitas cousas e non podo facer aquelo que lles prometín aos veciños, polo que deixo o cargo e tamén renuncio a cobrar a dedicación parcial”, asegurara Rivas cando a súa renuncia.

A alcaldesa de Lourenzá, a socialista Rocío López, respondera daquela con dureza ás críticas do ex concelleiro. “Do seu traballo non imos falar”, afirmou, “pois todo o mundo sabe onde despachaba o venres, o seu día de dedicación ao Concello”.

A de Rivas foi a segunda demisión nuns meses no goberno local laurentino trala renuncia do edil de deportes, Francisco Dasilva, que alegou motivos similares aos expostos polo candidato de CxG.

“ACTO DE DIGNIDADE”

CxG asegura que o seu alcaldable fixo “unha acción de dignidade para liberar ao Concello do estancamento que está a vivir na actualidade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here