O BNG de Viveiro aprobou o pasado venres a candidatura coa que concorrerá ás eleccións locais do 26 de maio, e que fará pública “nas vindeiras semanas”, coincidindo cun acto para celebrar os 40 anos da primeira corporación do municipal.
LISTAXE “PLURAL E FEMINISTA”
Trátase, anuncia a candidata dos nacionalistas, Miriam Bermúdez, dunha listaxe “plural” e “feminista” que integra a “xente dos sectores educativo, social, industrial, da administración local, autónomos” e que mestura “veteranía e mocidade”.
APOIO SIMBÓLICO
Polo de agora, a formación frontista anunciou que tres ex concelleiros do BNG no municipio pecharán a candidatura, á que darán o relevo da súa tarefa. Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, voceiro na corporación municipal de 1979 e tenente alcalde durante o bipartito, ocupará o posto número 20. Xosé Antonio Goás Basanta, concelleiro de deportes, e César Naval Parapar, edil de comercio e turismo, irán nos postos 19 e 17.