Por Viveiro será o nome do partido independente impulsado polo grupo de non adscritos da corporación municipal, Bernardo Fraga, Manuel Galdo e Óscar Lara.
A formación organizará este venres, 12 de abril, a partir das 20.30 horas no salón de actos do conservatorio, un encontro aberto para “recoller ideas e iniciativas, e convidar á veciñanza do municipio a participar na elaboración do programa electoral” de Por Viveiro.
O partido independente tamén insta á cidadanía viveirense a facer as súas achegas “á candidatura que se presentará ás eleccións municipais do 26 de maio”.

PRESENTACIÓN DO LOGOTIPO
Segundo expón nun comunicado, Por Viveiro “nace como a única candidatura aberta e independente e convida a aqueles veciños con ganas e ilusión de traballar polo municipio a participar no encontro”. Na xuntanza presentarase publicamente a nova marca, así como o logotipo.