A plataforma cidadá Son Viveiro En Común concorrerá de novo ás eleccións locais que se celebrarán o vindeiro 26 de maio, tralo acordo ao que se chegou na mañá deste sábado. O voceiro na corporación municipal da formación, Luis Manuel García Otero, encabezará a candidatura.
Son Viveiro-En Común tamén acordou a listaxe electoral de cara aos comicios locais. Conforman xunto a Otero os postos de saída Menalia Yáñez Basanta, Lidia Feal Jiménez, Bruno Salgueiro Fanego e Manuel Lago Berdeal.
“Consideramos que a listaxe é un grupo formado por moitas sensibilidades, de persoas procedentes de diferentes sectores, pero co mesmo denominador común de buscar un Viveiro máis participativo e que volva ser o motor da Mariña Lucense”, conclúen desde a formación.
INCORPORACIÓN DE XENTE NOVA
Son Viveiro destaca a incorporación de xente moza na candidatura. “A presenza de Yáñez, unha rapaza de 25 anos, ou de Lago, de 22, supoñen a entrada de aire fresco para unha listaxe aberta, plural e dinámica”, expón o partido, que remarca que “tres persoas que nunca participaran en anteriores citas electorais” ocupan os cinco primeiros postos.
Unha renovación que a formación valora “en tempos que non son doados” e que afirma a súa aspiración “de ser un altofalante da veciñanza”.