O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lourenzá confiará a Áurea María Vázquez Abal, “Mani“, a cabeza da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais.
A candidata nacionalista releva así a César Docampo, que lidero a listaxe do partido frontista nos dous últimos comicios locais.
O BNG laurentino explica que Vázquez Abal, de profesión veterinaria, naceu en Pontevedra hai 50 anos, aínda que a súa vinculación con Lourenzá e coa zona desde hai máis de quince anos. Na actualidade traballa para a Consellería do Medio Rural e ocupa un posto na oficina comarcal de Mondoñedo.
A candidata dos nacionalistas laurentinos xa formara parte das listas municipais da formación frontista noutras ocasións, pero decidiu dar un paso á fronte ao considerar que “en Lourenzá hai moitas cousas por facer que poden repecutir en mellorar a vida da veciñanza”, indica.
Vázquez Abal defínese como “unha muller activa e colaboradora cos demais, concienciada co medio ambiente, que intento conservar todo o que me é posible”.
QUINCE INTEGRANTES
A formación frontista sinala que “nun concello no que o sector agrario segue a ter tanto peso como é Lourenzá, contar cunha persoa que ten un coñecemento directo das necesidades dos sectores produtivos é unha garantía de que a administración local traballe na mesma dirección que os produtores e isto redunde no desenvolvemento local”, conclúen.
O BNG laurentino non adiantou polo momento os restantes membros da candidatura, que integrarán quince persoas.