O BNG presenta a súa lista en Alfoz, que encabeza Lorenzo Gómez Dorado

Da man do traballador forestal, de 31 anos, os nacionalistas aspiran a recuperar a representación na corporación municipal

Lorenzo Gómez, candidato do BNG de Alfoz.

Lorenzo Gómez Dorado será o candidato do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á alcaldía de Alfoz.

Gómez Dorado, traballador forestal de 31 anos de idade, é natural da parroquia de Carballido.

Paula Ferreiro Pena, Diego Lorenzo da Conceiçao, Aladino Barreira Chao, Ana Vanessa Dorado Castro, Xosé Anxo Fernández López, Jaime Díaz Maseda, María Celia Fraga Goás e Enrique Salvador Fraga Calvo completan a listaxe dos nacionalistas alfocegos.

O partido frontista ten como obxectivo volver a entrar na corporación municipal de Alfoz -en 2011 obtivo dous edís– e “vai traballar para que este concello se goberne pensando nas necesidades das persoas e na mellora dos servizos”, expón nun comunicado.

O candidato do BNG de Alfoz afirma que “é necesario apostar polo noso potencial agrario e tamén polo forestal, dúas fontes de riqueza moi importantes no noso concello, ademais das moitas posibilidades que temos a nivel turístico”.

IMPLICACIÓN DA MOCIDADE

Gómez aspira a contar coa colaboración da mocidade. “Para nós é moi importante a implicación da xente nova en todos estes proxectos, creemos que temos moitas posibilidades de frear a sangría demográfica de Alfoz, e para eso desde o concello impulsaremos todas aquelas iniciativas locais que contribúan ao desenvolvemento da actividade económica neste concello”, conclúe o alcaldable frontista.

PROGRAMA

No tocante ao programa de goberno, que recollerá “moitas demandas veciñais”, o BNG de Alfoz darao a coñecer “proximamente”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here