Jesús Pérez Moreda, coñecido como “Suso Villalba”, será o candidato de Compromiso por Galicia (CxG) á alcaldía de Ribadeo.
Natural da parroquia ribadense da Devesa, con 61 anos, Perez Moreda encabeza unha lista desta formación ás municipais do vindeiro mes de maio composta por oito mulleres e seis homes.
O alcaldable de CxG foi concelleiro do BNG de 1987 a 1995, formando parte do equipo de goberno como edil de deportes, entre outras áreas.
Retirado da vida laboral, Pérez Moreda cre que “é un bo momento para dedicarme activamente a mellorar a nosa vila, creo no potencial que Ribadeo ten e que non se está a aproveitar e debemos traballar en mellorar as grandes deficiencias que hai en moitas areas da xestión municipal”.
CANDIDATURA
No número dous acompáñao María Begoña Fernández Fernández. A numero tres é Aurora González Ginzo, concelleira nesta lexislatura polo PSOE, formación política da que foi responsable local.
Os números catro e cinco son Rafael Izquierdo Pérez e José Ramón López Martínez, respectivamente.
Do seis en diante os membros da lista son: Iván Fernández Rañón, Álvaro Mario Lorigados Castaño, Belén González López, Cristiane Carvalho de Sousa, Elva Alina Carmona Figueredo, María Soledad Valiña Gutiérrez, Almudena Piñeiro Docampo e Alejandro Calonge Peña. Como suplente completa a candidatura Regla Herrera Brunet.
DIFERENTES SENSIBILIDADES POLÍTICAS
A candidatura de CxG en Ribadeo é definida en palabras do candidato como “integradora, con xente do rural e da vila, con persoas de diferentes sensibilidades políticas, pero que ás une o seu compromiso por Galicia e ante todo por Ribadeo”.
Pérez Moreda remarca tamén que “na lista temos autónomos, empregados de empresas, funcionarios, retirados…. todos aportamos os nosos coñecementos para elaborar o programa co que queremos gobernar Ribadeo”.
A PRESENTACIÓN, TRALAS XERAIS
A presentación da candidatura ante a cidadanía farase nos vindeiros días. “Cando pasen as eleccións xerais será cando toque poñernos ao cen por cen a falar da nosa vila e das cousas que realmente lle importan a Ribadeo e á súa veciñanza”.