A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que máis de 4.000 persoas se están a mobilizar este domingo na provincia de Lugo no dispositivo organizado para a celebración das eleccións xerais. Nestes comicios, están chamados a votar 345.037 lucenses, dos que 278.291 residen nos 67 concellos da provincia e 66.746 son residentes no exterior. Un total de 6.061 son novos electores.
Para que os lucenses escollan os catro deputados e catro senadores que nos representarán a próxima lexislatura nas Cortes Xerais, constituíronse na provincia un total de 541 mesas electorais e imprimíronse en total 3.000.000 de papeletas das doce candidaturas proclamadas para o Congreso dos Deputados e 250.000 papeletas cos candidatos das doce listas presentadas para o Senado.
As mesas electorais están formadas por un total de 1.623 cidadáns, elixidos mediante sorteos celebrados en todos os concellos da provincia, nos que tamén se escolleron outras 1.623 persoas que actuarán como suplentes para garantir a constitución das mesas no caso de ausencia dalgún dos titulares.
Para asegurar o normal desenvolvemento das votacións na provincia, haberá un dispositivo formado por 960 funcionarios das forzas de seguridade. Ademais, 417 representantes da Administración encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos dos recontos de votos tanto para o Congreso como para o Senado.
INICIO SEN INCIDENCIAS
As mesas electorais, abertas desde as 9.00 horas, ficarán operativas para o voto desde as 20.00 horas, cando se pecharán as urnas e comezará o reconto dos votos emitidos. A xornada electoral na provincia comezou sen incidencias.
Segundo precisou a Delegación do Goberno, a provincia de Lugo foi a máis madrugadora en ter todos os colexios en marcha. Ás 9.06 horas estaban todos os locais de votación abertos.
FERRAMENTAS PARA SEGUIR RESULTADOS
A xornada electoral, informou nunha roldade prensa o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pode seguirse a través de dúas ferramentas que puxo o Executivo a disposición dos cidadáns.
Unha delas é unha aplicación para dispositivos móbiles que se atopa coa procura do nome “28A eleccións xerais”, e a outra unha páxina web. Os resultados poden seguirse nestoutro enlace.