O vindeiro 3 de maio, Ribadeo celebra o 40 aniversario da constitución da primeira corporación municipal en 1979 cunha homenaxe aos alcaldes e edís do concello nas últimas catro décadas.
O salón de plenos do consistorio (20.00 horas) acollerá o acto ao que están convidados máis dun cento de homes e mulleres elixidos pola veciñanza para representar os seus intereses.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, explicou que os 10 rexedores e 100 edís recibirán unha enseña conmemorativa. O nacionalista puntualizou que, no caso dos rexedores falecidos, serán as familias as que recollan o recoñecemento.
PRIMEIRA CORPORACIÓN
A primeira corporación ribadense, saída das eleccións de abril de 1979, estivo formada por catro concelleiros da Unión de Centro Democrática (UCD), catro da Candidatura Progresista Independente (CPI), tres de Coalición Democrática (CD) e dous do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Tamén se presentou as eleccións o Organización Revolucionaria de los Trabajadores (ORT), que non obtivo representación.
OS ALCALDES DA DEMOCRACIA
Mario Meira, da UCD, foi o primeiro alcalde da democracia. Inaugurou unha lexislatura inestable na que tamén recibiron o bastón de mando Jose Fojo (UCD), Antonio Martínez (CPI) e Jaime Viadurrázaga (PSOE).
Moncho Cociña e Jose Luis Trashorras, de Alianza Popular (AP), ocuparon a alcaldía na segunda lexislatura (1983-1987) na que o partido conservador obtivo seis edís por catro do PSdG-PSOE, dous do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e un da coalición Partido Galego-Converxencia de Independentes.
Nos comicios de xuño de 1987, a formación nacionalista sería a máis votada – BNG (4), AP (4), PSdG-PSOE (3) e Centro Democrático Social (CDS) (1)- e accedería ao goberno con Eduardo Guitiérrez á fronte.
O cronista oficial repetiría como alcalde na cuarta lexislatura, entre 1991 e 1995, cunha corporación integrada por cinco edís nacionalistas, cinco do PP, dous do PSdG-PSOE e 1 de Converxencia Nacionalista Galega.
O BNG gobernou en Ribadeo durante cinco lexislaturas, con Eduardo Gutiérrez e Fernando Suárez na alcaldía
Tras as eleccións de maio de 1995, o goberno ribadense cambiaría de signo político coa chegada á alcaldía do popular Jose Carlos Rodríguez Andina que renovou o seu mandato en 1999 co apoio do 53,9% do electorado. Os populares estiveron representados na corporación por oito edís, por tres do BNG e dous do PSdG-PSOE.
Balbino Pérez Vacas, que gobernou entre 2003 e 2007, foi o único rexedor socialista de Ribadeo. Accedeu á alcaldía co apoio do BNG e liderou unha corporación con seis concelleiros do PP, catro do PSdG-PSOE e tres da formación nacionalista.
O NACIONALISTA Fernando Suárez e O POPULAR Rodríguez Andina son os REXEDORES con máis apoio electoral da historia da democracia ribadense
En xuño de 2007, a coalición reeditouse co BNG á fronte. Fernando Suárez Barcia estreouse na alcaldía cunha corporación municipal fromada por catro concelleiros nacionalistas, catro do PP, tres do PSdeG-PSOE e dous de Unión do Pobo Ribadense (UPRI)
ÚLTIMA LEXISLATURA
O apoio electoral da formación frontista medrou en maio do 2011, cando obtivo sete edís, por catro do PP, un de UPRI e outro do PSOE, e Fernando Suárez Barcia renovou mandato. Nos útimos comicios, e BNG reforzou a súa maioría obtendo dez edís (co apoio do 53,17 por cento do electorado), por catro do PP, dous do PSdG e un de Ciudadanos. O nacionalista é, así, o alcalde que máis mandatos acumula na historia da democracia ribadense.