A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, comprometeuse a trasladar ao Parlamento Europeo os problemas medioambientais e de saneamento que sofre a ría de Foz desde hai varios anos, como outro exemplo dos incumprimentos da Directiva Marco da Auga. Así o manifestou no encontro que mantivo co deputado provincial, Antonio Veiga, e o candidato do Bloque á alcaldía, Francisco Xavier Fanego, así como con usuarias das instalacións portuarias e representantes que desenvolven a súa actividade no porto e na ría.
Miranda considera “inaceptable” o desleixo da Xunta de Galicia e o Goberno do Estado ao respecto, polo que defendeu asemade que este tema sexa trasladado tamén a Augas de Galicia e ao Parlamento Galego. “Percorrendo Galicia de norte a sur e de leste a oeste vemos que os vertidos e a contaminación son unha constante, e non porque non haxa fondos europeos para solucionalos, senón porque os fondos que hai non se executan”, argumentou a eurodeputada nacionalista.
CONTAMINACIÓN
Fanego sinala que desde hai varios anos o porto e a ría de Foz sofren graves problemas medioambientais e de saneamento “sen que até agora se puxera en marcha ningunha solución”. Mentres a vila está a espera do traslado da EDAR a unha nova ubicación, a persistencia de problemas de calado e dragados pouco efectivos fan que a contaminación non sexa só unha preocupación dos sectores económicos e produtivos que desenvolven a súa actividade na ría e no porto, “senón de toda a poboación”.
PECHADA AO MARISQUEO
“É especialmente alarmante o feito de que a ría leve un ano pechada para o marisqueo debido a presenza de fecais nas augas, o que impide traballar a mariscadoras de Foz e Barreiros”, denuncia Fanego, quen defende que é “primordial escoitar a todos os sectores cando existen problemas e comprometerse con solucións factibles e aplicables, fuxindo da demagoxia e respostas evasivas, que foi a actitude que veu mantendo a alcaldía de Foz nos últimos anos con este e outros problemas”.