O PSdeG-PSOE de Cervo presentou este domingo a súa candidatura para as eleccións municipais, na que repetirá no posto de cabeza o actual secretario local, Francisco Mon.
O alcaldable dos socialistas destacou que lidera “unha lista plural, con 13 persoas cervenses e que coñecen a realidade do municipio e as prioridades que temos que solventar de inmediato. Temos un programa para chegar o cambio que o municipio necesita e afrontamos esta cita ilusionados, unidos e convencidos de que poderemos dar o salto ao Cervo do progreso e o desenvolvemento”, expuxo.
Mon afirmou que “para iso temos que acabar coas políticas pasivas do Partido Popular (PP), coa apatía e o goberno improvisado do alcalde. Queremos salvagardar o estado de benestar para todos os veciños e recuperar o noso Concello para que volva ser próspero e referente na Mariña Lucense”, argumentou.
No acto participaron o secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos e a deputada electa do partido socialista no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, acompañados de veciños do concello.
“CREMOS NO ESTADO DO BENESTAR”
Santos Ramos subliñou que “os socialistas podemos ir por todos os Concellos da provincia, como en Cervo, e sentirnos orgullosos porque dende a Deputación somos os que máis investimentos achegamos. Cando votan ao PSOE, teñen máis pensións, teñen mellores infraestruturas e servizos porque hai vontade política. Porque nós cremos no estado do benestar e a dereita cree no estatus do benestar, que sexan os que máis teñen os que poidan gozar deses dereitos”, concluíu.
LISTA COMPLETA
María Luján Ramos Ben (2), José Benito Díaz Docando (3, ambos edís na corporación), Manuel Rodríguez Rodríguez, Lorena Pardo Quelle, Amado Ballesteros González, Rosalía Cao Pardo, Antonio González Villares, Joaquina Bañó Vázquez, Almudena Cayón Rivas, Ángel García Prieto, Manuel Facal Dopazo e Marina Gómez Cobas completan a listaxe dos socialistas.