Barreiros quedará finalmente sen debate público sobre as vindeiras eleccións municipais despois da renuncia do alcalde.
A organización, á que se adheriron un total de 18 asociacións barreirenses, lamenta que o rexedor e candidato do Partido Popular (PP), Alfonso Fuente Parga, aducise “motivos persoais” para non aprobar a proposta.
As alcaldables de Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Ermida, e PSdeG-PSOE, Carmen Veiga, si confirmaron a súa presenza.
A organización do debate público lembra que hai catro anos foi promovida esta mesma iniciativa e tampouco se puido levar a cabo pola negativa de Fuente Parga. As asociacións convocantes lamentan que o PP non propuxese que o número 2 da lista conservadora substituíra ao alcalde e candidato popular.
o candidato do bloque á alcaldía de burela, mario pillado, cre que un debate “é fundamental” para unha campaña “democrática”
O BNG PIDE OUTRO EN BURELA
O candidato do BNG de Burela, Mario Pillado, propuxo este martes a celebración dun debate público entre os candidatos á alcaldía.
Pillado sostivo que este evento é “fundamental” para que o desenvolvemento da campaña sexa “o mais democrático e transparente posible”, e lembra que na anterior campaña “non se celebrou ningún debate público ao que os veciños e as veciñas tiveran acceso en directo. En Burela temos un escenario idóneo para iso no auditorio da casa da cultura, con moita capacidade e espazo suficiente para os medios”, explicou.