O presidente da Deputación de Lugo en funcións, Darío Campos, anunciou este venres que a rexedora socialista de Viveiro, María Loureiro, volverá á corporación provincial como deputada despois de que en maio de 2016 deixase este órgano por ser acusada de prevaricación administrativa, do cal posteriormente sería absolta.
Así o expresou Campos na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno. Así, asegurou que xa houbo “reunións” cos socialistas da Mariña Lucense e a zona de montaña para a conformación do grupo do PSOE na corporación provincial.
Deste xeito, adiantou que repetirá, ademais del mesmo e da rexedora de Viveiro, o actual vicepresidente da Deputación en funcións e alcalde tamén da Fonsagrada tamén en funcións, Argelio Fernández Queipo.
NEGOCIACIÓNS CO BNG
Sobre as conversas co BNG para armar o goberno provincial volveu insistir en que se producirán unha vez teñan decididos os deputados provinciais. “Primeiro imos formar equipo e despois xa falaremos”, resolveu Campos.