Este sábado 15 de xuño, xornada disposta para os plenos de investidura en 15 dos 16 concellos da Mariña Lucense –Burela deberá esperar ata xullo trala reclamación de Burela Sempre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)-, saldouse sen sorpresas.
En Viveiro, a socialista María Loureiro foi investida como rexedora despois de que non se presentase ningunha outra candidatura. Deste xeito, Partido Popular (PP), Por Viveiro, Son Viveiro e BNG non tiveron que pronunciarse. “O apoio dos veciños dános máis alento para seguir traballando”, expuxo a alcaldesa. O PSdeG gobernará cunha maioría simple.
Alcaldes socialistas foron elixidos coa maioría absoluta da que gozarán durante os seus mandatos en Alfoz (Jorge Val), Lourenzá (Rocío López), Ourol (José Luis Pajón), A Pontenova (Darío Campos) e Trabada (Mayra García Bermúdez).
O executivo deste último municipio contará cun executivo formado maioritariamente por mulleres, cinco de sete integrantes no goberno local. Val e Pajón gobernarán por primeira vez con maioría absoluta.
RIBADEO
En Ribadeo, o único dos municipios con grandes vilas da Mariña onde houbo maioría absoluta, o nacionalista Fernando Suárez Barcia foi reelixido como alcalde, cargo que ostenta desde 2007.
CINCO ALCALDES DO PP
O PP mantivo o mando en cinco municipios. Suso Novo foi investido como alcalde do Vicedo, e cumprirá, de non producirse novidades durante a lexislatura, 22 anos como rexedor. Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro tamén foron elixidos como primeiros edís coa comodidade que lles outorgaron as maiorías absolutas colleitadas nas pasadas eleccións municipais.
Pola súa banda, Clemente Iglesias (Riotorto) e Elena Candia (Mondoñedo) tamén revalidaron mandato sen sobresaltos despois de obter vantaxes abondas para gobernar en solitario.
CLEMENTE IGLESIAS COBRARÁ 2.870 EUROS MENSUAIS
O pleno de investidura de Riotorto estivo seguido doutra sesión plenaria extraordinaria para fixar o salario do alcalde. Iglesias cobrará un salario de 2.870 euros mensuais, con dúas pagas extraordinarias en xuño e decembro e os trienios correspondentes. A contía supera os 41.200 euros anuais.
O BNG criticou que “media hora despois” da investidura celebrouse unha sesión plenaria con este único punto na orde do día. Os nacionalistas riotortenses salientan que “o propio secretario municipal recoñeceu a excepcionalidade” da situación.
O novo concelleiro da formación frontista, Luis Fernández, censurou que a contía do salario do rexedor “é tres veces a renda media dos habitantes do municipio, que non chega a 13.000 euros. A vostede fanlle falta 2.870 euros malia que o PP votou en contra da suba do salario mínimo no Congreso”, argumenta. O PSOE riotortense xa denunciara “a urxencia” de Iglesias por aprobar as súas retribucións.
BURELA
Burela e Monterroso son os únicos concellos de Galicia onde non houbo sesión de investidura.
En Burela, Burela Sempre, sen representación malia obter un 6,03% dos votos, presentou recurso porque nunha das mesas non se contabilizaron os seis votos nulos que reflectía a acta. O PSdeG-PSOE obtivo seis edís, o PP catro e o BNG tres.
A presentación deste recurso non só retrasa a formación de ambas corporacións, senón tamén a constitución da Deputación.