InicioPolíticaOs prezos da residencia de Cervo enfrontan a goberno e PSOE

Os prezos da residencia de Cervo enfrontan a goberno e PSOE

Os socialistas afirman que as tarifas oscilarán "entre 1.280 e 1.500 euros" e o executivo local desminte estas cifras

Publicada o

- Advertisement -

O custo das prazas da residencia de Cervo desatou a polémica entre o goberno local e a oposición, que difiren nas cifras. O PSOE cervense denuncia que “o PP está a promover un centro para as elites” e fala dun prezo por persoa “de entre 1.280 e 1.500 euros ao mes”, mentres que o goberno local afirma que as tarifas que presentou a empresa adxudicataria “van dos 990 aos 1.320 euros mensuais, co IVE incluído, en función da dependencia dos usuarios”.

O voceiro do grupo municipal socialista, Francisco Mon, asegura que a residencia da terceira idade “é para uns poucos e escollidos, aqueles veciños que dispoñan de altos ingresos”. O PSOE cervense argumenta que “as pensións mínimas no concello rondan os 700 euros”, de xeito que “os que menos teñen van ter que coller a maleta e emigrar a outras localidades”.

Mon sostén que “o PP xustifica isto asegurando que concertará prazas coa Xunta de Galicia, pero non aclara que deste xeito as persoas que se beneficiarán das prazas da nosa residencia poden ser de calquera punto da xeografía galega”.

O líder dos socialistas cervenses destaca que a Deputación Provincial de Lugo “estableceu que as prazas nos centros para a terceira idade sexan en primeiro lugar para veciños do concello no que se sitúa o centro”.

“IRRESPONSABILIDADE”

Pola súa banda, a concelleira de servizos sociais, Pilar Armada, califica de “xesto irresponsable do PSOE” o “difundir uns prezos que non se axustan para nada á realidade”. A edil resalta que “en ningún caso os usuarios terán que abonar 1.500 euros, como apuntan os socialistas de forma consciente e errónea”.

Respecto da concertación de prazas, Armada apunta que “o modelo de servizo público autonómico de axudas sociais que se aplica a día de hoxe é, aínda que mellorado, o mesmo que cando gobernaba o bipartito”.

A edil sostén que “se a Deputación Provincial de Lugo dispón dunha partida de axudas dirixida aos usuarios desde tipo de centros, desde Cervo imos sumarnos e solicitala, porque non se entendería ningún tipo de discriminación nesta materia”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...