EFE. A Comisión Federal de Listas do PSOE avalou este xoves as propostas da dirección galega para presidir as Deputacións, de xeito que respalda ao alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, como candidato a presidir o goberno provincial lucense.
Igualmente, informaron os socialistas galegos nun comunicado, a comisión federal respalda que Valentín González Formoso e Carmela Silva repitan como aspirantes a liderar os entes provinciais da Coruña e Pontevedra, respectivamente.
Por último, Ferraz tamén avala ao que foi candidato á alcaldía de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, como candidato a dirixir a Deputación de Ourense.
Dos catro aspirantes, Villarino é o que menos opcións ten despois de que o PP e Democracia Ourensana suscribisen un acordo para que Gonzalo Pérez Jácome fose investido alcalde a cambio dos seus votos para que o líder dos populares ourensáns, José Manuel Baltar, seguise á fronte da Deputación.
PACTO CO BNG
En Lugo, Tomé deberá chegar a un acordo co BNG para poder ser investido como presidente ou ben gobernar a Deputación conxuntamente, dado que o PSdeG-PSOE conta con dez dos 25 deputados provinciais, por doce do PP e tres dos nacionalistas.
O pacto, despois de acordos entre socialistas e nacionalistas para gobernar en coalición en municipios como Lugo, Foz ou Barreiros, semella factible, polo que presumiblemente Tomé será o próximo presidente da Deputación.
O RESPALDO DE CABALLERO, CHAVE
A candidatura de Tomé vai en detrimento do actual presidente en funcións e alcalde da Pontenova, Darío Campos, que se postulara para continuar no cargo.
Nas últimas semanas, o nome de Tomé soou con forza ao ter o respaldo do aparato do partido socialista. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, pronunciouse a favor “dun cambio” na Deputación de Lugo, unha proposta que mesmo apoiou Ana Pontón, voceira nacional do BNG, a formación coa que deben pactar os socialistas para gobernar.
CAMPOS TAMPOUCO SERÁ DEPUTADO
Campos, que segundo LugoXornal tampouco será deputado provincial pola Mariña Lucense, mostrouse emocionado na mañá deste xoves ante os xornalistas e deu por feito o seu relevo no cargo.
MALESTAR COA DIRECCIÓN GALEGA
O presidente da Deputación en funcións instou aos xornalistas “a investigar” a causa da recoñecida mala sintonía entre o PSOE lucense, que provocou a renuncia do secretario xeral, Álvaro Santos Ramos, e a dirección galega do partido. “Igual estorbabamos”, asegurou.
“Deste proceso non me gustaron as formas”, lamentou, para asegurar que se o xeito no que se produciu o seu relevo ten un custo a nivel electoral nos comicios autonómicos de 2020, “eu non o provoquei”.