EFE. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, manifestou este sábado que cidades como Lugo, Viveiro ou Monforte de Lemos “marcan a pauta” a seguir para a futura xestión que o seu partido deberá facer á fronte da Deputación provincial.
Caballero visitou este sábado a capital lucense xunto á súa alcaldesa, Lara Méndez, e o rexedor de Monforte de Lemos e candidato á presidencia da Deputación, José Tomé, con quenes paseou polas rúas do centro urbán.
Desde alí defendeu que o PSdeG está a impulsar na provincia “unha etapa de revitalización” e de “fortalecemento” tralas vitorias electorais logradas nas últimas convocatorias, e que lle permiten, asegurou, “ser o motor de cambio para Galicia”.
Así pois, indicou que se acadaron “importantes avances” na provincia e que o partido socialista acapara “as alcaldías máis importantes” da mesma, as cales representan, a xuízo de Caballero, como a formación “sabe gobernar” para a maioría.
Deste xeito, convidou a Tomé a extender esta xestión á Deputación “con toda a forza dun magnífico equipo” e enmarcou na “normalidade orgánica” a substitución do anterior presidente socialista do ente provincial e alcalde da Pontenova, Darío Campos.
Caballero sinala que o alcalde de Monforte “ten todas as condicións para permitir que ao longo dos próximos catro anos a provincia de Lugo avance con prioridade social” e tamén “traballando para os pequenos concellos e o medio rural“.
CAMPOS, MOLESTO COA XESTIÓN DO SEU RELEVO
Campos despediuse molesto coa dirección galega, a quen atribuíu a responsabilidade da escasa sintonía co PSOE lucense, e afirmou que non lle gustaron “as formas” coas que se xestou o seu relevo.
O alcalde da Pontenova tampouco repetirá como deputado provincial, despois de que a dirección galega avalase ás alcaldesas de Viveiro e Trabada, María Loureiro e Mayra García, para representaren á Mariña Lucense na Deputación.
CRÍTICAS A FEIJÓO
A un ano das eleccións autonómicas de 2020, o dirixente socialista criticou ao presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, a quen cualificou como “o gran inimigo das cidades galegas e de quen criticou “o seu abandono do medio rural”.
“Agora celebra moitas reunións para intentar facer parecer que todo vai cambiar”, dixo Caballero en alusión ás distintas convocatorias recentes do presidente da Administración autonómica, pero “el sabe que quere que nada cambie” e o seu único obxectivo, sentenciou, é “manterse no coche oficial“.