As agrupacións locais de PSdeG-PSOE e BNG reunironse este xoves para avanzar nun acordo para a formación de goberno en Burela. As formacións socialista e nacionalista manterán o vindeiro luns outra xuntanza, en principio a última antes do pleno de investidura, que será o venres 5 de xullo.
O rexedor en funcións e candidato socialista, Alfredo Llano, asegurou que espera que o luns ambas formacións poidan chegar a un acordo e “mesmo concretar un documento de referencia” para a súa investidura.
Malia que nas pasadas eleccións municipais os socialistas perderon un edil e a maioría absoluta mentres que os nacionalistas gañaron un concelleiro, Llano móstrase decidido a gobernar en minoría e a chegar a acordos puntuais.
MARCO DE COLABORACIÓN PSOE-BNG
“Non haberá goberno en coalición en Burela”, reitera Llano, para sinalar que a agrupación socialista burelá “respecta” o marco de colaboración para a formación de executivos tanto a nivel municipal como provincial acordado por PSOE e BNG, pero que “hai que ter en conta as particularidades de cada municipio”.
Con todo, o alcalde en funcións admite que a estabilidade do goberno requerirá “dun BNG con protagonismo. Hai entendemento e queremos chegar a un acordo non só para a investidura, senón tamén para a lexislatura”, asegurou.
PROGRAMAS
Pola súa banda, o candidato do BNG, Mario Pillado, sostivo que desde a formación non se descartan escenarios, “pois temos un compromiso coa veciñanza de Burela e buscaremos a mellor solución posible”.
O líder dos nacionalistas burelaos expón que a xuntanza centrouse “en propostas programáticas”, pero non concreta polo de agora que compromisos considera o BNG imprescindibles para apoiar a investidura de Llano.
CONTENCIOSO DE BURELA SEMPRE
Burela é un dos poucos concellos galegos que non celebrou aínda a investidura, logo de que Burela Sempre presentase un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O partido que fundou Manuel Martínez xógase nun voto gañar un representante na corporación ou que o BNG manteña o terceiro, tal e como aprobou a Xunta Electoral.
Agárdase que o TSXG decida como moi tarde o martes sobre o contencioso de Burela Sempre. Neste senso, desde o partido nacionalista agardan que o alto tribunal dea a razón á Xunta Electoral e que valide o reparto de concelleiros: seis para o PSdeG-PSOE, catro para o Partido Popular (PP) e tres para o Bloque.