A Deputación Provincial de Lugo comezou as obras de mellora de máis de cinco quilómetros da estrada LU-P-6103, que conecta Trabada con Barreiros. O presidente do ente provincial, Darío Campos, supervisou as actuacións, que contan cun investimento de 355.000 euros.
O treito afectado vai do punto quilométrico 11,9 ao 17,3, e os traballos consisten na rehabilitación do firme con aglomerado en quente, na mellora da drenaxe, na limpeza de cunetas e na renovación e repintado da sinalización horizontal e vertical, que servirá para incrementar a seguridade vial.
HOSPITAL DA COSTA
Campos sinalou que as obras “benefician a 4.000 mariñaos que viven en Barreiros e Trabada”, posto que a LU-P-6103 é a única estrada que conecta os dous concellos. “Ademais”, engadiu o presidente da Deputación, “é a vía que dá acceso ao Hospital da Costa de Burela. Conta con moito volume de tráfico de vehículos pesados, pois pasa ao carón dunha planta de lixo de Sogama, situada na Insua en Barreiros, que presta servizo á maioría de concellos da Mariña”.