As obras de mellora e renovación das estacións de autobuses de Burela, Ribadeo e Viveiro comezarán a finais de ano, segundo a conselleira de Infraestruturas.
Ethel Vázquez fixo esta previsión este venres en Viveiro onde anunciou a apertura do prazo para que as empresas presenten as ofertas para executar os traballos.
O investimento, segundo a Xunta, será de 70.300 euros en Burela, de 140.400 euros en Ribadeo e de 221.300 euros en Viveiro. As actuacións terán un prazo de execución de catro meses.
O concurso público tamén inclúe melloras nas estacións de Sarria e Monforte, con partidas de 161.800 e 221.300 euros.
Vázquez precisou que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas para realizar este contrato ata o vindeiro 8 de agosto.
ACTUACIÓNS PREVISTAS
O contrato prevé reparacións puntuais e melloras nas cubertas deste cinco terminais de autobuses da provincia, coa renovación de pavimentos, principalmente onde están máis desgastados.
Tamén se inclúen melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos e aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera.
A ALCALDESA PEDIU “RESPECTO INSTITUCIONAL”
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, mostrou o seu malestar porque “nin o goberno local nin a corporación municipal” recibiron “comunicación oficial” sobre a presentación.
A rexedora queixouse de que a Xunta de Galicia só “convidara ao acto” aos edís do Partido Popular e reclamou “respecto institucional” cara o resto dos membros dos representantes das veciñas e veciños.
“Alegrámonos das obras que se anunciaron, pois a estación de autobuses de Viveiro necesita un mellora, pero creo que a alcaldesa e os concelleiros debíamos ter coñecemento destas obras en primeira persoa e non a través dos medios de comunicación”, concluíu