PSOE e BNG asinan un acordo para un goberno de coalición na Deputación

Entre as medidas comprometidas no pacto, que fará presidente ao socialista José Tomé, está a de ter unha única vicepresidencia, que ostentará a nacionalista Maite Ferreiro

O socialista José Tomé e a nacionalista Maite Ferreiro asinan o acordo para un goberno bipartito na Deputación. LUGO XORNAL

PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego (BNG) chegaron a un acordo para un goberno en coalición na Deputación de Lugo durante o mandato 2019-2023. Así, socialistas -con dez deputados- e nacionalistas -con tres- terán maioría no pleno provincial fronte ao Partido Popular (PP), con doce representantes.

Segundo o pacto, o alcalde de Monforte, José Tomé, asumirá a presidencia, a proposta do PSdeG-PSOE; haberá unha única vicepresidencia, proposta polo BNG. Ostentará o cargo Maite Ferreiro, deputada polo Partido Xudicial de Lugo.

COMPETENCIAS

No tocante ao reparto das competencias, os socialistas encargaranse de promoción económica e social, innovación e TIC, participación cidadá e transparencia, xestión territorial e parque móbil, goberno interior, asuntos xerais e formación, economía, recadación, facenda, promoción do territorio e turismo, cooperación e asistencia aos Concellos e medio ambiente.

Os nacionalistas, pola súa banda, asumirán deportes, cultura, patrimonio histórico e artístico (Rede Museística), artesanía e deseño (Centrad), normalización lingüística, medio rural, mar e xuventude.

SETE MEDIDAS “TRANSVERSAIS”

Ambas formacións políticas selaron un acordo con sete medidas transversais e catorce puntos programáticos.

Entre as primeiras están “garantir un mínimo de servizos públicos comúns e homoxéneos en toda a provincia”; guiarse polos principios “da ética e a transparencia“; “aplicar a normativa do uso da lingua galega e mellorar os recursos existentes para desenvolver unha política de normalización lingüística, utilizando o galego en toda a documentación”; utilizar “a lingua inclusiva”; “estudar o impacto de xénero de todas as accións que se realicen, impulsando aquelas medidas que se consideren prioritarias do Plan de Acción de Políticas de Igualdade“; “apostar por medidas de concienciación medioambiental”; o impulso “da aplicación da Lei de Memoria Histórica“; e “frear o despoboamento” que afecta ao rural.

CATORCE PUNTOS PROGRAMÁTICOS

A creación dunha vicepresidencia única; a delegación de sinatura en todas as áreas; transferir á Xunta as competencias que lle son impropias ao ente provincial; e limitar, desde o 2020, a un máximo do 5% do orzamento inicial as cantidades dedicadas a subvencións excepcionais, son algúns dos puntos programáticos pactados.

Incrementar a porcentaxe destinada ao Plan Único nun 25% en 2023 con respecto a 2019; a disolución “coa máxima celeridade” de Suplusa; completar o proceso de transferencias da rede provincial de estradas á Xunta; instar aos gobernos locais a completar o mapa de estradas e camiños de ferro “que garantan a mobilidade provincial”; e manter a colaboración co Campus Universitario e a UNED (Lugo, Monforte, Viveiro e Foz) tamén están entre as medidas acordadas.

Finalmente, o apoio ao sector agropecuario e ao tecido asociativo; promover os recursos turísticos, patrimoniais e históricos a través do Plan de Turismo Provincial; e “implementar mecanismos que faciliten a participación da cidadanía na vida pública, achegando a institución á sociedade”, son o resto das propostas incluídas no acordo.

O PLENO DE CONSTITUCIÓN, O XOVES

Este xoves, 18 de xullo, celebrarase o pleno de constitución da Deputación Provincial de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here