O Concello de Mondoñedo acondicionará a Alameda dos Remedios e o seu acceso, co obxectivo de recuperar este espazo urbano, situado fronte á igrexa dos Remedios. As obras de mellora teñen un prazo de execución de tres meses, e suporán un investimento de 110.289,13 euros.
As actuacións consistirán, en primeiro lugar, na recuperación da pavimentación de parte dos accesos, unha obra que se realizará coma no resto das rúas do casco histórico mindoniense, con lousa de granito e pizarra colocada a modo de chapa cuña.
A subida á alameda, un dos accesos principais á mesma, presenta un pavimento en mal estado. A rúa de acceso carece de servizos, polo que se farán obras de saneamento e abastecemento.
Tamén se actuará nos muros perimetrais que exercen de contención para a extensión da propia alameda. Neste senso, o proxecto do Concello inclúe a limpeza de todos os seus elementos, ademais da renovación dos morteiros de enfoscado dos mesmos, que están deteriorados.
Ademais, faranse traballos de mantemento do arborado e melloras do alumeado para acadar unha maior eficiencia enerxética. Por último, reporase parte do mobiliario. A arquitecta da oficina municipal de rehabilitación e os servizos técnicos municipais encargáronse de redactar o proxecto.
A alcaldesa mindoniense, a popular Elena Candia, asegura que se fará “un traballo importante que traerá consigo a recuperación integral deste entorno tan importante e emblemático para Mondoñedo, e tamén maiores comodidades para veciños e visitantes”, argumenta.
PROPOSTAS DE VECIÑOS E ASOCIACIÓNS
O goberno local asegura que atenderá ás propostas realizadas pola veciñanza e as asociacións organizadoras das festas en relación coas intervencións, sobre cuestións como o soterramento do cableado, as conexións para as actuacións musicais durante as festas ou o valado do parque infantil para incrementar a seguridade.