O BNG de Barreiros rexistrou unha solicitude de pleno extraordinario para que a corporación barreirense adopte o compromiso de esixir á Deputación Provincial que arranxe ou financie o arranxo do treito da estrada LU-P-608 que vai desde San Cosme a Trabada, e que o ente provincial cedeu ao Concello.
A voceira do grupo municipal do BNG, Ana Ermida, expón que “pese a que presentamos un rogo pedindo isto mesmo a primeiros de xuño, o alcalde solicitou a cesión dun vial que pasará a converterse nunha carga máis para Barreiros. Pedir a titularidade dunha estrada en mal estado sen pedir o seu arranxo ou diñeiro para levalo a cabo é unha torpeza absoluta, carente da mínima lóxica”, asegura.
Ermida referiuse á explicación dada polo rexedor barreirense días atrás. Alfonso Fuente Parga asegurou que o Concello solicitou a titularidade dese vial para facilitar o acceso ao parque eólico que vai poñer en marcha Norvento, xa que lle reportará uns ingresos de 30.000 euros anuais ás arcas municipais, e confirmou que “a propia firma” se encargará do arranxo. A voceira do BNG pregunta “a cambio de que beneficio unha empresa privada fará as obras” e resalta que “ese non é o xeito oportuno de xestionar os bens e diñeiro público”.
Para xustificar a solicitude do pleno extraordinario, o grupo municipal do BNG afirma que, “tendo en conta que o acordo adoptado coa Deputación Provincial debe ser aceptado polo Pleno do Concello de Barreiros, é oportuno especificar as condicións ou negociacións que deban acompañar tal aceptación, xa que do contrario sería asumir innecesariamente obrigas que non corresponden ao Concello”.