O Concello de Cervo iniciou os traballos de rehabilitación do edificio coñecido como as escolas vellas, inmoble que albergaba o antigo colexio unitario do núcleo. O orzamento das actuacións ascenderá a 170.000 euros, financiados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único que impulsa o goberno provincial. O goberno local prevé que as obras conclúan en tres meses.
O edificio, que conta cunha superficie de 270 metros cadrados, cumpriu o ano pasado o seu centenario e é un legado dos emigrantes a América. Na actualidade serve como sede social da asociación cultural Airiños do Xunco, entidade organizadora da Queimada Popular de Cervo e doutras actividades ao longo do ano no municipio. Tamén é utilizado por outras agrupacións da mesma fin.
ACTUACIÓNS
O proxecto consta de cambios na estrutura da cuberta; instalaranse novos canalóns e baixantes para evitar filtracións de auga. Ademais, acometerase un saneamento exterior e interior para evitar humidades e mellorarase o illamento térmico e acústico.
Dentro das actuacións tamén se inclúe a substitución das carpinterías exteriores por novas portas e ventás de PVC, e incorporaranse dous baños dentro do edificio -un deles adaptado-, xa que os que había na actualidade estaban no exterior do mesmo. As obras afectarán igualmente á parte externa do inmoble, coa intención de dotalo dunha mellor accesibilidade.
O alcalde, Alfonso Villares, o edil de obras, Plácido Pérez e o presidente de Airiños do Xunco, Rafael Blas, achegáronse ao inmoble para comprobar as actuacións.