Compromiso por Galicia (CxG) celebrará o vindeiro sábado, 21 de setembro, o seu terceiro Congreso Ordinario. O cervense Juan Carlos Piñeiro Docampo, actual secretario xeral, encabeza a única candidatura presentada para dirixir a formación durante os vindeiros tres anos.
Deste xeito, Piñeiro, máximo responsable de CxG desde xaneiro de 2017, continuará á fronte do partido e probablemente tamén a actual dirección do mesmo, que se define como unha formación “galeguista, progresista e socialdemócrata”.
A cita, baixo o lema: ‘Galicia, o noso camiño‘, será no Hotel Congreso de Teo, desde as 10.00 ás 19.00 horas. CxG conta para a cita con “delegacións de partidos irmáns: PNV, PDR de Portugal e PDE europeo”.
CONSELLO NACIONAL PARITARIO
No encontro, CxG disporá a estratexia de cara “ás distintas citas electorais que chegan”, entre elas as eleccións autonómicas de 2020. A cita servirá para elixir aos compoñentes do Consello Nacional, para o que se escollerán “de forma paritaria 20 mulleres e 20 homes”.
O “elevado número de candidatos” a este organismo “garante”, segundo CxG, “a presenza de compoñentes de toda Galicia dando así contido e realidade territorial e este órgano”.