Nun pleno extraordinario celebrado o pasado luns, os votos do goberno local de Barreiros aprobaron a cesión ao Concello dun treito da estrada provincial LU-P-608, que vai de San Cosme a Trabada. O BNG impugnou a sesión plenaria, forzada polo grupo municipal nacionalista para debatir esa cuestión, ao entender que o alcalde infrinxiu a lei ao incluír a discusión dese pacto na orde do día detrás doutro punto adicado a validar a medida. Os nacionalistas presentaron un recurso de reposición porque consideran que a convocatoria é “nula de pleno dereito”.
A cesión da estrada, pactada polo Concello coa Deputación de Lugo, titular da vía, foi fonte de polémica nas últimas semanas. A través da voceira, Ana Ermida, os nacionalistas esixiron que o ente provincial arranxase ou financiase o arranxo do treito cedido, en mal estado de conservación. Pola súa banda, o alcalde barreirense, Alfonso Fuente Parga, asegurou que solicitou a titularidade do vial para axilizar a posta en marcha do parque eólico de Norvento, e que sería “a propia firma” quen se ocuparía das obras de mellora.
SUBVENCIÓN PARA MELLORAS NO CONSISTORIO
O BNG acusa ao alcalde de querer “baleirar de contido” o pleno ao “pretender que se debatise sobre as condicións da cesión dun vial unha vez o pacto fose aceptado”. Fuente Parga argumenta que a sesión plenaria “fíxose extraordinaria” para solicitar “unha subvención para realizar melloras na cuberta do consistorio. Saíron unhas axudas do Estado, tiñámolas tramitado e había que mandar o acordo plenario”, asegura o rexedor, que cifra o orzamento dos traballos en 66.000 euros.
Os nacionalistas afirman que “saltarse a lei non é algo que lle preocupe moito ao alcalde” e acusa ao rexedor de “insultar aos veciños” ao convocar o pleno desde Tenerife, nunha viaxe do grupo folclórico Arco da Vella. Fuente Parga, pola súa banda, fala de “pataletas” do grupo municipal do BNG, “porque iso é pretender suspender un pleno no que íamos solicitar e solicitamos unha subvención que beneficia a un edificio que é de todos”.