InicioPolíticaBarreiros cede por cinco anos a EDP os terreos para ubicar o...

Barreiros cede por cinco anos a EDP os terreos para ubicar o punto de recarga de coches eléctricos

Socialistas e nacionalistas abstivéronse na aprobación das contas de 2018, que motivou os reproches entre a alcaldesa e o voceiro do PP

Publicada o

- Advertisement -

O Pleno de Barreiros aprobou o pasado luns por unanimidade o regulamento de participación cidadá, que permitirá aos barreirenses defender iniciativas no pleno, e tamén a autorización para ocupar o dominio público á empresa EDP, que instalará o segundo punto de recarga para vehículos eléctricos da Mariña Lucense, o primeiro público.

Neste sentido, a instalación, que segundo expuxo a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, podería estar operativa “en tres ou catro meses”, ubicarase fronte ao teleclub de San Cosme, nun espazo “infrautilizado”. A rexedora remarcou que “non suporá coste” para o Concello e “dará servizo a veciños e turistas, polo que situará Barreiros no mapa“, ademais de reportar beneficios “pola aplicación de taxas municipais”.

A concesión será por cinco anos, dado que se existen outras peticións é necesario quitar o servizo a concurso público. Esta posibilidade non supón, expuxo a alcaldesa, “que haxa que pagar indemnizacións” á empresa.

Ao longo da sesión plenaria, a propia Ermida e o voceiro do grupo popular, Alfonso Fuente Parga, polemizaron neste punto ao asegurar o ex alcalde que as xestións para acadar o punto de repostaxe para coches eléctricos comezaron co anterior goberno, o que motivou un cruce de reproches no que o concelleiro conservador acusou ao Concello de querer “poñerse medallas“. A rexedora

OS BARREIRENSES PODERÁN PARTICIPAR NOS PLENOS

As tres forzas políticas da corporación barreirense tamén mostraron unanimidade para aprobar o regulamento de participación cidadá, que inclúe a posibilidade para a veciñanza de defender iniciativas e tamén de plantexar rogos e preguntas. A normativa, que terá que someterse primeiro a exposición pública para a súa aprobación definitiva, tamén abre a porta á creación de consellos parroquiais.

A SITUACIÓN ECONÓMICA MUNICIPAL DESATA A POLÉMICA

Menos consenso houbo na aprobación das contas de 2018. A formación nacionalista e mailo PSdeG-PSOE abstivéronse e saíron adiante cos votos dos concelleiros populares. Ermida lembrou que se detectaron “anomalías no funcionamento e na xestión” e que os resultados orzamentarios “son negativos en practicamente todas as cuestións analizadas na conta xeral”, cun remanente de tesourería de -304.268 euros e unha débeda de “máis de 1,8 millóns”.

Neste sentido, Fuente Parga incidiu en que o Concello “non ten ningunha reclamación de impago de facturas” e que o goberno anterior dedicouse a “ofrecer servizos. Socilitamos un préstamo de 2,4 millóns de euros, polo que se a débeda é de 1,8, significa que amortizamos 600.000 euros“, resaltou.

Carmen Veiga, a edil socialista, mostrou a súa “preocupación” polos números do Concello e preguntouse “como imos afrontar” a situación económica sen “cargar aos barreirenses con máis custo”.

Ermida replicou a Fuente Parga que no momento da súa investidura “había facturas pendentes de pagar por máis dun millón, acumuladas de tres meses, non se correspondían con 2018″, dado que se aprobaron “gastos menores sen ningún tipo de control”, e que se o anterior executivo rebaixou o nivel de débeda “fíxoo porque estaba obrigado por lei”.

OUTRAS MOCIÓNS

Tamén se aprobou unha bonificación de tres euros, de nove a seis, nun dos recibos bimensuais do lixo, despois de que Sogama anunciara no pasado mes de febreiro que os 295 municipios adscritos ao convenio coa Sociedade Galega do Medio Ambiente poderían acollerse a unha rebaixa do 10% no canon.

Tamén saíron adiante unha moción sobre a política da Xunta de Galicia en relación co curso escolar, para que mellore a situación dos centros educativos do municipio, e unha iniciativa do BNG para salvagardar os postos de traballo en Alcoa, coa aplicación dunha tarifa eléctrica galega.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...