A Xunta de Galicia aprobou a cesión ao Concello de Riotorto de 27 predios correspondentes a terras sobrantes da zona de reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos. O executivo satisface así unha demanda do goberno local e da Asociación de Veciños.
Case a metade dos terreos cedidos –14 en total– empregaranse como depósitos de madeira. O resto teñen diferentes fins e usos sociais e culturais. Estas parcelas cubrirán necesidades como un campo da festa, un aparcadoiro ou unha escola en Galegos.
A cesión adoptouse tendo en conta a normativa ao respecto, en particular o establecido pola Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). Os terreos cedidos causan baixa no fondo de terras da zona.
CONCENTRACIÓN
A reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos abrangue unha superficie de 1.269 hectáreas, correspondentes a 496 propietarios. A redución de predios pasa dos máis de 9.000 a arredor de 1.400. Os investimentos nesta zona por parte da Consellería do Medio Rural ascenden a case tres millóns de euros.