A rúa San Roque abrirá ao tráfico este mércores a primeira hora, despois de tres meses de peche pola reforma que o goberno local emprendeu neste vial céntrico e emblemático de Ribadeo.
Tralas actuacións, a estrada seguirá a ser de dobre sentido para a circulación. A idea do executivo municipal foi potenciar o seu carácter peatonal sen entorpecer o funcionamento dos negocios que hai na zona. Así, nesta primeira fase, a costa das prazas de aparcamento para coches, habilitáronse dúas zonas de carga e descarga de 8.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00, e si haberá aparcadoiro para motos e bicicletas.
ALTERNATIVAS PARA ESTACIONAR
A rúa perderá as 50 prazas de estacionamento coas que contaba, pero ofrecerá desfrute para os peóns, que poderán pasear por un vial único na vila, con edificacións indianas a ambos lados da estrada. A alternativa para aparcar será o párking municipal, a uns minutos, ou a zona de Lazurtegui.
con edificios indianos aos dous lados da estrada, trátase dun paseo emblemático
O Concello investiu nesta primeira parte do proxecto 484.341 euros. A segunda fase, cun orzamento de 114.591 euros, realizarase no 2019, e afectará ao treito que comprende desde a rúa Vilalba ata a Virxe do Camiño.
ACISA
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo valorou o fin das obras. “Alédanos que abran xa a rúa San Roque, tras preto de tres meses pechada para facer as correspondentes obras de reforma”, sinala o presidente do colectivo, que asegura que tralo remate da segunda fase das actuacións “cómpre analizar a situación do tráfico en toda esta zona da vila e ver as posibilidades que hai de realizar algunhas modificacións que desde o noso colectivo empresarial consideramos interesantes”.
LIXO
Sobre a denuncia do PP ribadense de que hai parroquias con lixo acumulado de quince días sen recoller, o alcalde en funcións, Vicente Castro, sinalou que esta situación debeuse a “dúas avarías case seguidas nos camións de recollida” e que “o servizo xa está restablecido“.