A Mancomunidade de Municipios da Mariña solicita á Xunta de Galicia unha axuda de 240.000 euros para executar un plan integral de emprego, ao que se adheriron dez dos 16 concellos da bisbarra.
Ribadeo, Barreiros, Foz, Alfoz, Valadouro, Burela, Viveiro, Vicedo, Riotorto e A Pontenova sumáronse ao proxecto, que ofrecerá formación a un total de 100 persoas, das que o 35% deberán gozar de inserción laboral durante tres meses.
o programa diríxese a persoas en paro de longa duración ou que padeceron violencia de xénero, entre outros colectivos
O alcalde de Burela e presidente da mancomunidade, Alfredo Llano, explicou que “o plan está destinado a colectivos afectados polo desemprego, en paro de longa duración, a persoas que padeceron violencia de xénero ou que teñen dificultade para atopar traballo por carecer de estudos”.
ACTIVIDADES FORMATIVAS
O dirixente do colectivo de municipios asegurou que os beneficiados do plan de emprego poderán acceder a cobertura en especialidades como “agricultura ecolóxica, forestal ou axuda no fogar, e formación en inglés, manipulación de alimentos ou informática, entre outras cuestións”. Llano tamén sinalou que aquelas persoas que precisen mellorar o seu currículo para presentarse a ciclos medios poderán facelo. “Imos darlles o ensino para que poidan acadar eses títulos, linguaxe, matemáticas e todo aquilo que sexa necesario”, concluíu.
A mancomunidade solicitou no 2016 un plan de emprego ao que se sumaron seis municipios, cunha inserción laboral do 25% de participantes.
XERENTE DE TURISMO
O presidente do colectivo de municipios tamén lembrou que segue adiante o proceso de selección do xerente de turismo. Unha vez que remate a presentación da documentación, procederemos á selección. Gustaríame que todo estivese listo para que comezase a traballar a mediados de agosto”, rematou.