Os municipios das vilas máis poboadas da Mariña Lucense mostraron a desmobilización do electorado polas cuartas eleccións xerais en catro anos. Co 100% do voto escrutado ao Congreso dos Deputados, chama a atención que a abstención supera nos municipios de Burela e Viveiro ás forzas máis votadas; en Foz e Ribadeo, iguala ao partido máis respaldado. As zonas urbás confirman a tendencia á alza de Vox, tamén do BNG, e o retroceso de Ciudadanos.
En Burela a participación foi do 62,79%, polo 70,87% das pasadas eleccións xerais. O partido máis votado foi o PP, con 1.474 sufraxios (33,61%, unha porcentaxe por debaixo á abstención, que alcanzou o 37,21%). O PSOE sumou 1.243 votos (28,35%), por 563 de Galicia en Común-Unidas Podemos (12,84%); o BNG sobe do 6% ao 10% (461 apoios polos 314 de abril); Vox suma 358, por 172 de Ciudadanos (tiña 560). Pacma acada 50; Recortes Cero, 7; Partido Comunista Obrero Español, 7; Partido Comunista dos Traballadores Galegos, 4; PUM+J, 2; C 21, un.
En Foz, a abstención alcanzou o 33,10%, mentres que a forza máis votada foi PSOE co 33,16% dos votos (1.789). O Partido Popular sumou 1.660 apoios (30,77%); Galicia En Común-Unidas Podemos, 595 (11,03%); Vox, 510 (9,45%); o BNG quitou 499 (9,25%). Ciudadanos, que obtivera 648 sufraxios, non pasa dos 196. Os animalistas de Pacma (40 respaldos), Recortes Cero (seis), PUM+J (seis), PCTG (3), PCOE (2) e C21 (un) tamén foron elixidos por algún votante.
En Viveiro a participación foi do 64,47%, cunha abstención do 35,53%. O PSOE mantívose como forza máis votada, co 34% dos votos (2.705). O PP obtivo 2.402 (algo por riba do 30%). Podemos sufriu unha caída significativa, de 1.339 a 1.096 apoios. O BNG pasa de 515 a 676, mostrando unha tendencia á alza; a ultradereita, Vox, obtivo a confianza de 561 electores, mentres que Ciudadanos, cuarta forza en abril con 852 votantes, cae á sexta praza.
Por último, en Ribadeo, a abstención foi do 33,33%, representando unha porcentaxe case idéntica á dos votos colleitados pola formación preferida polos ribadenses nestes comicios, o Partido Popular (33,75%, con 1.769 sufraxios). O PSOE perde dous puntos, con 1.549 apoios. Podemos acada 662, por 471 e Vox e 447 de BNG. Ciudadanos cae de 556 votantes a 168. Pacma obtén 44, por 10 do PCOE, 7 de Recortes Cero, 6 de PUM+J e cinco de PCTG. Podes consultar os resultados completos nesta ligazón.